Atención ao papabuxos e á velutina

0

Estando como estamos, as pragas da velutina e da avelaíña dos buxos que nos veñen afectando desde hai algúns anos son, se cadra, un problema menor en comparanza co coronavirus. Porén, todas aquelas persoas que teñan xardín ou leiras arredor da casa e que non precisen saír á vía pública para atendelas, poden continuar coas prácticas que xa recomendamos varias veces para tentar frear o avance destes andazos. Nestes momentos debemos facer un trampeo sistemático para capturar raíñas de avespa asiática e, no caso dos buxos, recoméndase empezar cos tratamentos contra as primeiras xeracións do verme. Queremos insistir de novo en que son recomendacións para facer na finca arredor da casa, non unha escusa para saltar as medidas de confinamento. Ademais, facer este labor é outro dos entretementos útiles que temos ao noso alcance. 

Na web da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, en Pontevedra, teñen un apartado de avisos fitosanitarios onde xa a mediados de marzo informaban da saída da hibernación das eirugas da bolboreta do buxo (Cydalima pespectalis). A alerta referíase a sebes situadas no sur desa provincia, cun tempo atmosférico máis adiantado que propicia un arranque da praga máis temperán.

Porén, tan só doce días despois deste aviso, en San Sadurniño xa se está observando actividade dos vermes en numerosos peches feitos de buxo. É momento de actuar. Pero antes recordemos como é o seu ciclo. Trátase dunha avelaíña e, polo tanto, pasa pola fase de ovo, verme e bolboreta. O seu momento máis activo é entre os meses de abril e setembro, cando poden reproducirse -dependendo do tempo- ata tres ou catro xeracións, e logo, durante o outono e o inverno, o insecto permanece en hibernación.

Agora estamos na primeira fase, con vermes moi pequenos recén saídos do ovo facilmente identificables pola súa cor verde clara e cabeza negra. Son moi voraces papando as follas máis tenras e os abrochos novos e, así que van medrando -e tirando a unha cor verde máis escura-, roen practicamente toda a planta ata acabar matándoa. Iso tamén é doado de ver pola falla de follas e o aspecto seco que empezan a presentar.

A medida de control máis efectiva é a que podemos adoptar neste momento detectando a eiruga nas súas fases iniciais e aplicando un produto fitosanitario. Tal e como se indica na web da Consellaría do Medio Rural, é moi importante mollar toda a masa vexetal, incluso o interior do seto para alcanzar o maior número de eirugas posible, xa que as  materias activas autorizadas  funcionan por contacto ou inxestión.  Deberán seguirse estritamente as instruccións das etiquetas. En sebes que presenten indicios da praga é conveniente facer un lavado a presión antes do tratamento fitosanitario con algunha das materias activas autorizadas:

Materia activa Nome comercial Autorización de uso
Bacillus Thuringiensis var. kurstaki 32% Delfin Non profesional en calquera ámbito
Deltametrín 2,5% Decis Profesional
Cipermetrín 10% Ralbi 10 Profesional

 

Avespas asiáticas
Ademais de atenderlle ás avelaíñas dos buxos, tamén temos que vixiar de preto ás velutinas. As raíñas fundadoras de novas colonias xa espertaron do seu letargo invernal e andan a voltas coa construción dos niños primarios nos que criaren a primeira xeración de obreiras.

Lanzamos en febreiro o primeiro aviso de que se trampease e desde aquela xa houbo varios veciños e veciñas que publicaron nas súas redes sociais a caída nos engados dos primeiros exemplares. Debemos seguir poñendo trampas arredor da casa, sobre todo arredor de arbustos de floración temperá tan comúns nos nosos xardíns como son as camelias.

Neles podemos colocar trallos de fabricación caseira. O máis barato é o mellor: collemos unha botella de plástico -as boas son as da auga mineral-, cortámoslle a parte superior e despois dámoslle a volta á parte sobrante para colocala de novo na botella a xeito de funil. Velaí un sinxelo manual.

É unha manualidade moi doada, económica e ideal para que nela participe tamén a rapazada, axudando despois na colocación e no seguimento que se debe facer para ver a súa efectividade e, de paso, repoñer o líquido atraente. Dependendo da calor que faga o ideal é cambialo cada 10 ou 15 días. Unha mestura que disque dá bo resultado é elaborada con levadura do pan disolta en auga. Esta receita prepárase con 5 litros de auga, 2 quilos de azucre e 50 gramos de levadura. Podedes probar a ver como vai, e lembrade que por cada raíña que cacemos agora, haberá un niño menos do que preocuparse no futuro.

Ah, e lembrade tamén a consigna #euquedonacasa.

Share.