Ata o 28 de agosto pode reservarse espazo na XI Feira Rural

0

A área de Desenvolvemento local ten listo desde hai días o programa da XI Feira Rural de San Sadurniño, que se celebrará na zona da Cortiña -ao pé do paseo fluvial do Xubia- durante a mañá e maila tarde do sábado 31 de agosto. O evento volverá reivindicar o valor estratéxico do sector primario e as posibilidades de desenvolvemento sustentable do ámbito rural. Nel reúnense exposicións, obradoiros, visitas guiadas, o tradicional concurso de froita autóctona e tamén o mercado, aberto a produtos alimentarios, planta, artesanía, artigos de segunda man e maquinaria. O prazo de reserva de espazo está aberto até o día 28 de agosto e para montar un posto só fai falla presentar cuberta a folla de solicitude no Rexistro do Concello, na Casa da Cultura, por correo postal ou por correo electrónico dirixido a agustin.perez@sansadurnino.gal.

A organización da feira fixou en 4 metros liñais o máximo que se poderá reservar debaixo da carpa principal da feira, que acollerá a venda de produtos alimentarios frescos e elaborados, mentres que nos sendeiros do arboreto o tope serán 20 metros. Para cubrir parte dos custos da cita están establecidos os seguintes prezos por posto: 3€ ata 5 metros liñais, 10€ se os expositores miden entre 5 e 10  metros de fronte,  e 25€ se o seu tamaño anda entre os 10 e os 20 metros. O prezo baixo carpa -limitado a 4 metros liñais como máximo- será de 6€.

As entidades sen ánimo de lucro de calquera tipo que queiran acudir á feira están exentas destes prezos públicos, aínda que deberán respectar igualmente o tamaño de exposición dependendo de onde se sitúen. Ademais, xunto coa solicitude deberán achegar unha copia dos estatutos para acreditar a súa condición de non ter finalidade lucrativa.

Os importes haberá que satisfacelos por transferencia bancaria na conta do Concello -o número figura na ficha de inscrición- ou ben presencialmente na oficina de Cultura pagando con tarxeta mediante TPV. En calquera caso os resgardos do pagamento haberá que presentalos o propio día da feira antes de montar o posto.

A undécima edición da Feira Rural comezará pouco despois das 10 da mañá do sábado 31 de agosto no arboreto galego da Cortiña, e durante todo o día ofrecerá os produtos habituais de alimentación, planta, artesanía, maquinaria e segunda man, aos que se lle unen obradoiros para a rapazada, visitas guiadas á horta de conservación Carlos Fornos e ao Colmear didáctico, exhibicións de cetraría, catas, o sorteo de lotes de produtos, paseos en canoa, exposicións relacionadas co sector primario e incluso un apartado centrado no coñecemento do Proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal. Outro dos atractivos da feira será a mostra e o concurso de froita autóctona organizado en colaboración coa AGFA do Eume para premiar os mellores lotes recollidos na comarca.

A feira contará con amplas zonas de aparcamento e con lugar para xantar churrasco ou polbo, aínda que tamén existe a posibilidade de acudir a algún dos restaurantes do concello, nos que se recomenda reservar con tempo suficiente: o Mesón A GranxaO Muíño do Pepe, Mesón O Ferrador, Parrillada Riboira (en Lamas), Os Cazadores (Santa Mariña do Monte)- e Casa Casal (Igrexafeita).  Outra opción é vir de merenda e aproveitar algún dos recunchos que ofrecen o paseo fluvial, os xardíns municipais, o contorno do Convento do Rosario ou a área recreativa dos Currás (ao pé da piscina).

V Sons na Cortiña
O lecer continuará na Cortiña trala feira coa celebración ao día seguinte -domingo 1 de setembro- do Sons na Cortiña, un festival dirixido a público familiar que arrancará ao mediodía cunha exhibición de hip-hop da Asociación Cultural Brío e unha batukada a cargo da Asociación Concienciarte.

A tarde -de 15 a 18.00h.- está reservada para os xogos tradicionais e populares, ademais de ofertarse un obradoiro de circo e un circuíto de coches a radio control. Da parte musical ocuparanse a partir das 17.30h. Uxía Lambona e a Banda Molona, ademais do grupo The Tetas Van.

Paralelamente, a asociación Brío tamén convoca conxuntamente coa AECC unha marcha solidaria contra o cancro con saída ás 12.30h. da beira do Xubia. Farase un percorrido circular de 4 Km.

Ligazóns:
Programa completo da XI Feira Rural
Folla de solicitude da XI Feira Rural (.pdf)
Folla de solicitude da XI Feira Rural (.odt)

Bases do concurso da froita (.pdf)

Share.