Poxa pública pola vivenda rehabilitada en Bardaos

0

Publicado no perfil de contratante do Concello o procedemento de alleamento mediante poxa pública da antiga escola das Loibas, en Bardaos, rehabilitada como vivenda en 2013. O inmoble, libre de cargas, adxudicarase á mellor oferta económica partindo dun prezo base de 20.000 euros e para propor cantidade só haberá que cumprir catro requisitos: ser persoa física, xa que no procedemento non poderán participar nin empresas nin inmobiliarias, non encontrarse en ningunha causa que prohíba contratar coa Administración pública, ter empadroamento en San Sadurniño -ou efectualo no prazo dun mes desde a sinatura das escrituras- e dedicar a casa exclusivamente a vivenda unifamiliar. 

A vivenda está situada no número 17 do lugar das Loibas e ten dous andares que suman 121,58 metros cadrados de superficie construída. Na parte baixa dispón dunha grande sala para cociña-comedor, un aseo con ducha e unha estancia orientada a despensa ou lavandaría que comunica coa zona da horta -a casa ten 572 metros cadrados de finca-, mentres que no primeiro andar hai dúas habitacións e un amplo cuarto de baño.

Sae á venda mediante poxa pública partindo de 20.000 euros. As persoas interesadas poderán presentar calquera cifra igual ou superior (non se establecen tramos) e a valoración das propostas por parte da Mesa de Contratación atenderá unicamente ao factor do mellor prezo ofertado.

Na poxa poderán participar só persoas naturais, españolas ou estranxeiras, que teñan plena capacidade de obrar e non estean incursas en prohibicións para contratar coa Administración. Para acreditar esa capacidade abondará con presentar a fotocopia  do documento de identidade e unha declaración responsable conforme se está ao corrente coas obrigas tributarias, incluídas as municipais, e coa Seguridade Social. Segundo establecen as cláusulas da almoeda, para entrar no proceso non será necesario pagar taxas nin tampouco depositar garantías económicas.

As bases do procedemento, a documentación que haberá que presentar e os modelos de solicitude de participación están publicados na Plataforma de Contratación do Concello e danse 15 días para rexistrar as propostas, algo que se poderá facer presencialmente no Concello -de luns a venres agás festivos entre as 8:30 e as 14:30h-, ou ben a través da Sede Electrónica ata as 23:59h do día 25 de decembro. Tamén é posible utilizar calquera das outras formas admitidas na Lei do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

A casa poderá visitarse con cita previa
A casa das Loibas encóntrase tal e como quedou tras a súa rehabilitación en 2013. Debe terse presente que a vivenda non dispón de mobiliario de cociña nin tampouco de sistema de calefacción. Quen gañe a poxa pública mercará o ben nas súas condicións actuais e, por esta razón, o Concello daralle ás persoas interesadas a posibilidade de ver o seu estado antes de presentar oferta. Para iso abondará con contactar co Concello no 981 490 027 e concertar día e hora no que percorrer o inmoble por dentro e por fóra.

Ligazón ao expediente no Perfil de Contratante
Pregos da poxa
Informe de valoración

-Apertura dos sobres “A” coa documentación administrativa
A Mesa de Contratación reunirase o martes 28 de decembro ás 10:00h para o acto de apertura dos sobres correspondentes á documentación administrativa achegada polas persoas licitadoras. O acto terá lugar no salón de plenos do Concello e será público.

No caso de detectarse defectos na documentación, estes comunicaránselle ás persoas ofertantes dándolles tres días hábiles para que os subsanen. Superado ese prazo celebrarase o acto de apertura dos sobres que conteñen as propostas económicas.

Acta da Mesa de Contratación co resultado da apertura dos sobres “A”

-Apertura dos sobres “B” coas propostas económicas
A Mesa de Contratación reunirase o mércores 29 de decembro ás 10:00h. para a apertura dos sobres coas propostas económicas. O acto, que se desenvolverá na Casa do Concello, será público.

Ligazón á convocatoria

Acta da Mesa de Contratación co resultado da apertura dos sobres “B” e proposta de adxudicación provisional

Share.