Ata o 18 de abril pode solicitarse no Concello a participación no programa Vacacións en Paz

0

Vacacións en Paz é un proxecto de acollida temporal de nenos e nenas saharauís durante os meses de verán co que se busca alonxar a rapazada das dificultades que pasan nos campos de refuxio de Tindouf, en Alxeria. San Sadurniño colabora con este programa ao que poden sumarse todas as familias que queiran. Abonda con que pasen polo Concello para ampliar información falando coa técnica de Igualdade antes do 18 de abril, data límite para comezar a organizar os acollementos deste ano.

Os nenos e nenas que gozarán dunhas vacacións en paz naceron nos campamentos de refuxiados saharauís situados dende hai catro décadas na zona de Tindouf, preto da fronteira alxeriano-saharauí. Son fillos e netos das mulleres e homes que abandonaron en 1975 os seus fogares ante a represión, invasión e ocupación ilegal por parte de Marrocos do territorio do antigo Sáhara español. A vida destas nenas e nenos nados no exilio transcorre nas mesmas circunstancias que as do resto da poboación, privada do máis elemental e sobrevivindo grazas á axuda internacional.

Vacacións en Paz desenvólvese coa colaboración económica de familias e de concellos que se acollen ao proxecto, que fai posible que a rapazada poida gozar dun verán lonxe do deserto e recibindo unha boa atención sanitaria. Este programa solidario dalles a posibilidade de aprender e de coñecer unha sociedade distinta.

O Concello de San Sadurniño en colaboración coa asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí súmase un ano mais a esta iniciativa facilitando a acollida de nenos e nenas durante os meses de xullo e agosto. Quen queira participar no programa deberá comprometerse a coidar e manter os pequenos e pequenas durante a súa estadía e facer unha achega económica para poder manter o programa Vacacións en Paz.

Son só 240 euros que poden ingresarse todos xuntos, en dúas cotas de 120 euros ou en mensualidades de 20 euros durante todo o ano. Sobre este e outros aspectos teñen máis información nos servizos sociais do Concello -técnica de Igualdade- con quen haberá que contactar antes do 18 de abril para formalizar a solicitude.

– See more at: http://workplace.afaisca.com/gl/novas/contenido/0396_gl.html#/-1/

Share.