Ata o 15 de abril poden solicitarse as axudas provinciais do PEL-2021

0

Desde este xoves está aberto o prazo de solicitude das catro liñas de axuda convocadas pola Deputación da Coruña para persoas autónomas, pequenas empresas e microempresas co obxectivo de consolidar o tecido produtivo na provincia, especialmente nos concellos cunha poboación inferior a 20.000 habitantes. As liñas teñen distintas finalidades e son compatibles entre si. Dunha banda está o PEL Emprende Investimento, destinado a financiar iso, investimentos necesarios para a actividade ou para a súa modernización. Por outra está a liña PEL-Autonom@s, coa que se pretende apoiar o emprendemento. Por último están as dúas liñas para pequenas e medianas empresas e microempresas, pensadas para impulsar ou estabilizar o emprego: son a PEL-PEMES Creación e Ampliación para contratar ou incrementar o cadro de persoal e a PEL-PEMES Mantemento, pensada para axudar nos custes de de persoal de aquelas empresas que xa foran beneficiarias o ano pasado das achegas do plan provincial para contratacións. As axudas deben solicitarse a través da plataforma SUBTEL e o último día para facelo é o 15 de abril.

Para acollerse ao PEL Emprende Investimento será obrigatorio ter unha antigüidade máxima da actividade de 5 anos. Neste apartado financiaranse aplicacións informáticas, maquinaria, mobiliario e equipos de tratamento da información (ordenadores, servidores, etc.). Non entrarían os mantementos, os portes, as reparacións, obras, reformas, reparacións, cubertas, carpas, alugamentos, rotulacións, instalacións técnicas (climatización, iluminación, telefónicas…), páxinas web, hosting, dominios, mantementos das aplicacións informáticas, subscricións anuais, canons, elementos de transporte, o material funxible para a realización da actividade, artigos de decoración, televisores, iluminación, aparellos de climatización, os sistemas de seguridade, telefonía, teléfonos móbiles ou enrutadores.

A axuda poderá chegar até os 17.500 euros, é dicir, o 70% do gasto máximo -25.000 euros- para o que se solicite. Como norma xeral, eses investimentos haberá que efectualos entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro deste ano.

No caso do PEL Autonom@s tamén fará falla ter unha actividade ininterrompida durante polo menos os últimos 5 anos. A axuda consistirá nun pagamento de 200 euros mensuais durante todo este ano para financiar os custes da Seguridade Social. Neste sentido poderá presentarse un orzamento máximo de 3.429 euros, que vén sendo o custe anual da cota de autónomos máis baixa que se pode satisfacer. Polo tanto a achega máxima será de 2.400 euros, o 70% dese custe. O único requisito é manter a actividade durante todo este ano. A xustificación poderá presentarse até o 30 de abril do ano que vén.

O PEL Creación e Ampliación ten unha finalidade parecida, só que está orientado a aquelas persoas autónomas, pemes e microempresas que contraten unha única persoa desempregada, aínda que cumprindo varias condicións: non pode ser un traballador ou traballadora que xa formase parte da empresa ou que prestase servizos nela nos 6 meses anteriores, tampouco pode ser unha persoa que finalizase un contrato indefinido noutra empresa nos tres meses anteriores, nin tampouco se poderá contratar o/a cónxuxe, un fillo ou filla, o pai ou a nai… ou calquera outra persoa coa que se teña parentesco ata o segundo grao.

O que se financiarán serán os custes de salarios e seguridade social durante un ano, aínda que tamén cun tope: a empresa ou autónomo contratante só poderá presentar un orzamento de gasto de como máximo 22.000 euros. A axuda poderá ser do 70%. 15.400 euros, a cantidade límite que se poderá solicitar e percibir. Se a contratación se fai a media xornada ou por horas, a cantidade reducirase proporcionalmente. A xustificación haberá que presentala dentro dos 15 meses posteriores a que se publique no BOP a concesión da axuda.

O PEL Mantemento é a segunda fase do PEL Creación e Ampliación do ano pasado, xa que o seu obxectivo é consolidar as contratacións que se fixesen dentro dese programa en 2020 (é requisito imprescindible para solicitalo en 2021). Tamén se financiarán os custes salariais e da seguridade social durante un ano, coa diferenza de que neste caso a axuda só será do 50%, cun máximo solicitable e percibible de 11.000 euros, calculados para un contrato de 40 horas semanais. Se a xornada é inferior, tamén o será proporcionalmente a axuda, que poderá xustificarse até o 23 de xaneiro do 2023.

Para obter máis información pode acudirse á web https://emprego.dacoruna.gal/axudas ou, se se quere, contactar co Técnico de Desenvolvemento local no 981 490 027. As solicitudes e a xustificación deben tramitarse de maneira telemática a través da plataforma SUBTEL. Para entrar no aplicativo chega con dar de alta un nome de usuario e un contrasinal, pero para presentar e asinar a documentación cómpre dispor dun certificado electrónico. En calquera caso, o último día de prazo para solicitar calquera destas catro liñas é o 15 de abril.

Ademais delas, hai que lembrar que a Deputación ten abertas durante todo este ano as liñas dirixidas ao emprendemento rural e xuvenil a través dos programas PEL Rurinnova e PEL Relevo.

Bases completas da convocatoria (.pdf)

Share.