Ata 10.800 euros de axuda para mercar unha vivenda no rural

0

A Xunta de Galicia mantén aberta a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo a convocatoria de subvencións para a adquisición de vivendas en concellos de menos de 5.000 habitantes, como é o caso de San Sadurniño. As axudas van dirixidas a mocidade menor de 35 anos e a contía pode chegar aos 10.800 €, aínda que sempre sen superar o 20% do prezo total de adquisición. Para obter máis información pode concertarse cita co técnico de Desenvolvemento local ou contactar directamente coa delegación do IGVS na Coruña, no teléfono 884 881 096.

Os principais requisitos para acceder a esta liña de axudas son o de que a vivenda adquirida ten que estar nun concello de menos de 5.000 habitantes e que se trate dunha edificación xa construída, xa sexa nova ou usada. Ademais, o prezo de compra do inmoble -incluídos galpóns e outros anexos, agás os tributos inherentes a el- ha de ser igual ou inferior a 100.000 euros.

A maneira de acreditar que se cumpre este requisito será achegando un contrato privado ou unha escritura pública de adquisición da vivenda con posterioridade ao 1 de xaneiro deste ano, a menos que tamén pedísemos a mesma subvención o ano pasado e que nola denegaran por esgotamento do crédito. Esta documentación só se deberá presentar se a Xunta estima a solicitude.

En calquera caso, as persoas beneficiarias tamén teñen que  ter menos de 35 anos de idade na data de rexistrar a solicitude, ter nacionalidade española -ou residencia legal en España-, estar empadroadas na vivenda mercada -tamén deben estalo o resto de membros da unidade de convivencia-, non ser propietarias ou usufructuarias doutro inmoble  e cumprir determinados requisitos económicos.

Neste sentido, os ingresos anuais por parte das persoas que compoñan a unidade de convivencia poderán ser, como máximo, de tres veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples, fixado para este 2019 en 537,84€. Excepcionalmente, ese tope poderá subir a 4 veces o IPREM no caso de familias numerosas de calquera categoría xeral ou unidades de convivencia con persoas cunha discapacidade. No caso de familias numerosas de categoría especial ou unidades de convivencia nas que algún  membro sufra unha das discapacidades sinaladas na resolución, o límite será de 5 veces o IPREM.

O prazo para solicitar estas axudas finaliza o día 31 de outubro, a menos que a Xunta esgote antes o crédito destinado a esta liña de subvencións, cifrado en 800.000 euros. Se isto ocorrese, o IGVS publicará o DOG a data de corte das solicitudes. Da mesma maneira, tamén cabería a posibilidade de que se ampliase o prazo -por non terse esgotado os fondos ou por terse incrementado a súa dotación orzamentaria- e, nese caso, o Instituto Galego da Vivenda e Solo faría o correspondente anuncio a través do diario oficial. A axuda máxima á que se poderá chegar son 10.800 € aínda que, iso si, a contía concedida nunca poderá exceder o 20% do prezo de compra.

A recomendación que se fai desde o Concello é non agardar para a última se se cumpren os requisitos da convocatoria e botar a solicitude o antes posible. As instancias poden tramitarse en papel ou por vía electrónica a través desta ligazón.  Este programa forma parte do Plan Estatal de Vivenda 2018-2021.

Share.