Aspaneps trae a San Sadurniño a exposición “Pintámo-lo Mundo”

0

Pintámo-lo Mundo” é unha mostra fotográfica que nace da colaboración do fotógrafo Gabriel Tizón co Centro Ocupacional Aspaneps de Fene. Son 25 imaxes de grande formato -1m. x 70 cm.- impresas en lona que, desde hoxe mesmo e ata finais de mes, poderán verse penduradas do enreixado dos xardíns municipais e da Casa do Concello. As instantáneas son resultado dun curso impartido na entidade polo fotoxornalista ferrolán que logo se converteu nunha exposición que reflicte unha mirada a un mundo cotián cheo de cor, un mundo diverso e inclusivo onde cadaquén pode debuxar como queira o seu futuro.

A exposición xa pasou polo Mercado da Magdalena, polo hotel Herbeira, o Concello de Fene e o Campus de Esteiro. Porén, a súa chegada a San Sadurniño significa en certo modo un regreso á súa orixe, posto que a idea inicial do proxecto naceu aquí.  “Xurdiu na Feira Rural de 2018, onde coñecemos ao fotógrafo Gabriel Tizón. Falando e intercambiando ideas propuxémoslle quedar para ver como poderiamos traballar co tema da fotografía. Ese mesmo ano fixemos un curso utilizando móbiles e pequenas cámaras. (Gabriel) tamén nos fixo a proposta de rematar en algo que tivese unha continuidade, como unha exposición”, explica Xavier Picos, educador social do Centro Ocupacional que ten Aspaneps en Fene.

Son 25 imaxes que esta mañá quedaron dispostas no enreixado que delimita os xardíns municipais de San Sadurniño. O tamaño e o soporte -están imprimidas en lona- foi algo elixido á mantenta, pensando en que o seu medio natural fosen os espazos abertos e concorridos, non museos nin pequenas salas. “Desde un modelo de educación inclusiva hai que traballar rompendo espazos, ocupando espazos da sociedade.  Se nós montásemos nun museo teriamos un público moi pequeno, así temos a toda a poboación en xeral”, comenta Picos.

A exposición fotográfica estaba programada inicialmente para a Feira da Plantación de finais de abril, onde podería visitarse dentro dunha carpa durante toda a xornada. A feira e maila mostra quedaron suspendidas polo Estado de Alarma, pero en Aspaneps viron no entorno do Concello “un espazo ideal” para facela visible nas actuais circunstancias.  Ademais, o cambio de situación tamén coincide coa liña na que está traballando a área de Cultura de cara ao verán, “promovendo a actividade ao aire libre e en lugares que permitan organizar eventos gardando as distancias entre persoas”, tal e como avanzaba esta mañá a responsable do departamento, Amparo Calvo. De feito, o grupo da escola de Cantos de Taberna xa retomou os seus ensaios o pasado xoves usando os xardíns como escenario e todo apunta a que as escolas de gaita e pandeireta farán o mesmo a partir da semana que vén no campo de fútbol de Naraío.

O enreixado dos xardíns municipais ofrece no caso de “Pintámo-lo Mundo” un soporte ideal. Á exposición pódese acceder desde a entrada norte -a que dá ao edificio principal- ou pola do sur, desde a estrada de Ferreira. Partindo de calquera deses dous puntos pode facerse un percorrido pausado e mantendo as distancias que nos permite descubrir a mensaxe que gardan as fotografías.

Todas elas teñen un nexo común: unha man que debuxa a realidade. “Cando dicimos ‘Pinta-lo Mundo’ estamos dicindo empoderarnos cada un de nós,  deseñar segundo as nosas competencias e necesidades un mundo diverso que nos fai moita falta”, remarca Xabier Picos ao tempo que lanza o convite “a todos, non só aos de San Sadurniño” para descubrir o significado da exposición, que permanecerá en San Sadurniño até o 30 de xuño.

Share.