Asinados os contratos para reparar 6,5 quilómetros de pistas en Santa Mariña, Bardaos, Lamas, Ferreira, Naraío e San Sadurniño

0

Hai exactamente unha semana demos conta da adxudicación das obras de reparación de varias pistas en Lamas e Naraío por algo máis de 55.200 euros. Na información tamén avanzabamos que de maneira inminente se ía publicar a sinatura dos contratos de reparación doutros eixos viarios municipais, concretamente dos paquetes denominados  “Pavimentación de camiños na Pereira, a Veiga, as Calvelas e Cornide” e  “Pavimentación e mellora dos camiños de A Fraguela e O Chao de San Cristovo”. Pois ben, na plataforma de contratación do Estado estes dous últimos proxectos xa aparecen como adxudicados, no primeiro caso á empresa Excavaciones Saavedra y López S.L. por importe de 65.490 euros, impostos incluídos, e no segundo a José No Mantiñán e Hijos Construcciones S.A., cunha oferta de 74.415 euros. 

O proxecto de reparación das pistas da Pereira, a Veiga, as Calvelas e Cornide suporá o arranxo duns 2,5 quilómetros de vías municipais en Santa Mariña do Monte, Bardaos e San Sadurniño. Máis en detalle, renovarase o firme asfáltico da pista da Pereira ao Cal (440 m) e desde a Veiga ata o lugar de Tineo, no límite con Valdoviño (1.560 m). A estrada das Calvelas (410 m) e, por último, a mellora dun camiño en Cornide, cunha distancia de 145 m, levaranse a cabo con aglomerado.

O contrato licitouse por procedemento aberto simplificado en 70.712,25 euros, que baixaron a 65.490 euros na oferta ganadora presentada por Excavaciones Saavedra y López S.L.

A outra actuación tamén adxudicada hai escasos días días é a de pavimentación e mellora dos camiños da Fraguela (Naraío) e O Chao de San Cristovo (Ferreira). Estas dúas obras van financiarse con cargo aos 65.780 euros asignados a San Sadurniño dentro do Plan Marco de Camiños da AGADER. Este programa nutrido con fondos europeos estipula que os camiños e pistas que se queiran reparar deben darlle servizo a parcelas vinculadas con explotacións agrícolas ou gandeiras, unha condición que cumpren ambos proxectos.

Así, en Ferreira vaise volver asfaltar a pista do Chao de San Cristovo ao longo dunha distancia de 575 metros, mentres que en Naraío botaráselle unha capa aglomerada ao tramo comprendido entre O Castelo e A Fraguela. Esta última intervención abrangue arredor de 900 metros e, ademais, significará a terceira intervención co obxectivo de ir renovando todo o firme do principal acceso á fortaleza medieval.  En 2021 aglomerouse desde a Longra ata Riolimpo e desde Riolimpo ata O Castelo. Agora vaise facer o tramo que conecta o castelo coa Fraguela e no futuro, con cargo a programas provinciais ou autonómicos, prevese executar o último segmento, comprendido entre a Fraguela e a antiga estrada das Pontes.

O contrato conxunto para ambos proxectos acollidos ao Plan de Camiños orzamentouse en 79.592,81 euros. A oferta ganadora foi a de José No Mantiñán e Hijos Construcciones S.A., quen se comprometeu a facer as obras nun prezo de 74.415 euros. Os 8.635 euros de diferenza entre o que achega a AGADER e o custe final das obras serán asumidos polo Concello con fondos propios.

Cómpre lembrar que a semana pasada tamén se asinou o contrato do proxecto “Ensanche e pavimentación dos camiños de Vilar, Piegolongo, Penacastrelo, Vilarxá e O Furado”, co que se arranxará en Lamas a pista que une O Vilar con Felgosa e a que vai desde este último lugar ata Piegolongo. Tamén se reasfaltará a pista de Penacastrelo e botaráselle unha nova capa de saburra a un camiño que a enlaza co Chao. O programa -adxudicado a José No Mantiñán e Hijos en 55.209,08 euros- inclúe a reparación en Naraío do acceso público a dúas vivendas en Vilarxá e do primeiro tramo da estrada que sobe até o Furado desde a ponte sobre o río Castro.

Unha vez adxudicados e asinados os respectivos contratos, os traballos comezarán en cuestión de días cos labores de limpeza de gabias e preparación do firme antes de aplicar as novas capas de asfalto ou aglomerado que correspondan en cada caso. En total repararanse arredor de 6,5 quilómetros de vías municipais.

Share.