As Zocas viaxeiras chegan a San Sadurniño

0

A Soraya Casal, Luis Carlos Velón e Mar Martul ocorréuselles crear unha páxina en Facebook para ir subindo fotografías dos lugares de Galicia que van visitando. Ata aquí nada fóra do común, se non fose porque en todas as fotos aparecen un par de zocas en posición de andar. Son Maripepa e Evaristo, as Zocas Viaxeiras, que xa levan percorrido unha chea de recunchos do país e mesmo lugares de Asturias, Cantabria ou Euskadi. Agora recalan na Casa do Concello de San Sadurniño en forma de mostra fotográfica cunha escolma das mellores instantáneas captadas nas súas viaxes.

O título da exposición é “As Zocas Viaxeiras – Galicia nos pés” e poderemos visitala desde o 22 de outubro até o 14 de novembro na galería de exposicións do primeiro andar cos horarios habituais, de 8.30 a 14.30h. de luns a venres.

Son unha trintena de fotografías dunha excelente calidade que nos dán a oportunidade de meter o pé nas zocas e converternos nós tamén en viaxeiros e viaxeiras por lugares que se mostran dun xeito distinto a como saen habitualmente nas guías turísticas.

Entre as instantáneas tamén hai unha boa presada de estampas do noso concello: as escaleiras de toelo dos xardíns municipais, o castelo de Naraío e a tantas veces retratada fervenza do Castro son algunhas delas.

Despois, o Luís Ksado
As Zocas Viaxeiras cederanlle o espazo expositivo a outra mostra fotográfica cun marcado carácter etnográfico. Son as imaxes do proxecto ganador do certame Luís Ksado convocado pola Deputación da Coruña, no que resultou vencedor en 2017 o fotógrafo Xoán Crespo coa colección “Mascaritas. Carnaval solitario”. As fotos ofrecen unha mirada singular sobre o mundo do Entroido galego. O xurado do premio destacou a orixinalidade de Crespo, así como a súa capacidade para recoller unha atmósfera “particular e distinta” a través do retrato das máscaras.

A exposición pode visitarse entre o 15 de novembro e o 4 de decembro na Galería do Concello en horario de 8.30 a 14.30h.

Share.