As “Segundas faces” chegan, por fin, á Casa do Concello

0

As máscaras hixiénicas convertéronse en parte da nosa vida. Mesmo son xa un complemento de moda co que cadaquén busca diferenciarse ou marcar tendencia. Porén, a máscara tamén pode ser soporte para a arte e a reivindicación, tal e como nos demostran as 27 artistas que, desde este luns, expoñen as súas creacións na galería da Casa do Concello dentro da montaxe “Segunda face”. Son deseños variados que mesturan múltiples estilos e tamén múltiples mensaxes, aínda que seguindo o fío común de visibilizar a muller nunhas circunstancias, as do confinamento, en que se cadra se deu un paso atrás en todo o que se avanzara duns anos a esta parte. A exposición colectiva estaba programada inicialmente como parte das propostas organizadas pola Concellaría de Igualdade con motivo do 25-N que tiveron que suspenderse pola repunta da pandemia. Agora, por fin, poderemos gozar dela até mediados de xaneiro. Mesmo poderemos mercar as obras expostas, cuxos beneficios se dedicarán nunha parte á asociación Mirabal de Betanzos, centrada no apoio a mulleres vítimas do maltrato. 

“Segunda face” é unha iniciativa de 27 artistas plásticas de Galicia e Portugal á que se lle une tamén a poesía de Emma Pedreira actuando como aglutinante dun proxecto que, tal e como explica Inma Doval -unha das creadoras- pretende “relacionar todo o que xurdiu no confinamento… as emocións, o que as nosas cabezas foron vendo durante o tempo en que tivemos que estar presas nas nosas casas… e transmitilo a través das máscaras”

Doval -que é ao mesmo tempo comisaria da mostra canda Isabel Pintado e Renata Carneiro- comenta que cada participante tivo liberdade total para se expresar nese “lenzo” que ofrecían os cubrebocas, concibidos a un tempo como soporte para a arte e como metáfora da situación da muller: “cada artista plasmou o que quixo, vivencias e emocións, pero a mensaxe vai na liña desa máscara que temos que levar constantemente e que nos invisibiliza, que non nos deixa ver o noso verdadeiro rostro, que é algo que as mulleres estivemos sufrindo ao longo da historia. Entón agora volvemos confinarnos dentro dunha máscara ou dentro das casas, despois de tanto tempo loitando para saír dese espazo privado. Moitas veces mírase cara a culturas onde as mulleres teñen que levar oculto o rostro e agora todos temos que ir velados”.

Porén, a máscara que significa en certo modo un paso atrás na revolución feminista, tamén é un berro reivindicativo que compense dalgún xeito o efecto do enclaustramento forzado pola pandemia. Os bozos que nos tapan o sorriso transfórmanse nun soporte para a expresión individual tanto ou máis potente que a propia cara. “Son moi variadas. Hai xente que ofrece esa segunda cara, bocas para berrar, bocas abertas… porque as mulleres viven este confinamento dunha maneira diferente. E hai outras máscaras que teñen natureza, árbores, plantas, hai outras que teñen que ver co circo…. É como se nos desemos unha segunda face, unha segunda cara que todas poidan levar”.

IMG_9875-web1280x1920H70

Emma Pedreira -primeira pola esquerda- tamén achega os seus poemas ao proxecto

Ademais de pezas artísticas únicas, todas as máscaras expostas en “Segunda face” son totalmente funcionais colocándolles un filtro. E tamén se poden mercar sabendo que se colabora cunha boa causa, xa que a maior parte do recadado irá parar á asociación Mirabal. A entidade con sede en Betanzos traballa en toda a zona das Mariñas ofrecéndolle apoio e acompañamento a mulleres vítimas da violencia de xénero.

“Segunda face” permanecerá na galería da Casa do Concello de San Sadurniño ata o 15 de xaneiro. Ata daquela poderá visitarse nos horarios de apertura das oficinas municipais: de luns a venres -agás festivos- entre as 8.30 e as 14.30h.

 

Share.