As relacións afectivas e sexuais na mocidade, tema do primeiro obradoiro de Tempo de familias

0

Se tes unha filla ou un fillo adolescente, seguro que che xurdiron dúbidas como estas: como poido ser a súa figura de confianza?, como lle falo de sexo?, poido influír para que teña relacións positivas?, debo controlar o que ve en internet ou na televisión?… e que fago se é incapaz de aceptar ou de dicir un non?. Estas son as preguntas ás que se lles quere dar resposta por medio do obradoiro de desenvolvemento afectivo-sexual organizado polo Concello dentro da programación de Igualdade financiada polo Pacto de Estado contra a Violencia de xénero. Este obradoiro forma parte, á súa vez, do proxecto Tempo de familias, que ofrece charlas e conferencias con persoas expertas nas que se abordan distintas cuestións relacionadas coa comunicación familiar, a relación coa infancia e a adolescencia e a educación das nosas fillas e fillos. O obradoiro afectivo sexual desenvolverase en dúas sesións, unha o 31 de outubro a partir das 10.30h. na Casa da Cultura e outra máis adiante nunha data acordada coas familias participantes. As inscricións hai que facelas chamando ao 981 490 027 ext.1 ou no correo veronica.rodriguez@sansadurnino.gal.

Tempo de familias é un foro especializado para tratar moitas das cuestións que lles preocupan ás nais e pais de rapazada, sobre todo da adolescente. O programa leva varios anos en marcha e adoita comezar co curso escolar, aínda que este ano se vai retrasar un chisco máis do habitual. De feito o Concello deu de prazo para inscribirse ata o 23 de setembro e, ante o baixo número de solicitudes, volve lanzar a convocatoria ampliando o período para anotarse até o día 27 deste mes, tan só catro días antes de que empece o primeiro dos obradoiros que xa ten data pechada.

E ese primeiro obradoiro será o que abordará o desenvolvemento afectivo e sexual na adolescencia, un momento de cambios físicos e tamén psíquicos no que a rapazada precisa o máximo apoio do seu entorno familiar e saber que pode confiar no pai e na nai para resolver calquera problema ou dilema interior que se lle presente. Por esta razón é tamén moi importante que os maiores saiban como atender esas necesidades incluso adiantándose a elas e que aprendan a poñer en práctica a empatía e a asertividade como base desa relación de confianza.

A primeira sesión está posta para o sábado 31 de outubro ás 10.30h. na Casa da Cultura e nela tentarán dárselle resposta a esas preguntas coas que encabezamos a nota. O obxectivo do encontro é proporcionar información sobre conceptos e situacións nas que posiblemente os pais e nais nunca repararan ou, de facelo, non teñen moi claro como manexar. Esa é a razón de que se programase un novo encontro para uns días despois -posiblemente o 7 ou o 14 de novembro- e de que se vaia facilitar un correo electrónico para facer consultas e expor dúbidas que se resolverán  nesa segunda cita formativa.

Para participar fai falla inscrición previa a través do 981 490 027 ext.1 ou mandando un correo a veronica.rodriguez@sansadurnino.gal. O Concello puxo a circular un vídeo nas redes sociais para darlle difusión a esta primeira actividade de Tempo de familias e, ademais, o CPI de San Sadurniño tamén moverá a información para facerlla chegar ao maior número posible de nais e pais.

A área de Igualdade tamén ten en carteira -pero sen data confirmada- a charla do profesor da USC Antonio Rial Boubeta, quen falará sobre adiccións tecnolóxicas. Nese caso barállase a posibilidade de facer o encontro por videoconferencia e facilitarlles ás persoas inscritas en Tempo de familias a ligazón para seguilo ao vivo, xunto cun correo para poder solventar dúbidas.

Tempo de familias é un programa subvencionado pola Secretaría Xeral de Igualdade en desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

 

Share.