As parroquias presentan preto de medio cento de propostas para os orzamentos de 2018

0

O Concello rematou o pasado venres a rolda de xuntanzas do orzamento participativo 2018 cun encontro na Casa da Xuventude onde se puxeron enriba da mesa todas as peticións recollidas nas últimas dúas semanas. Á reunión acudiron dúas persoas en representación de cada unha das parroquias co obxectivo de repasar todas as propostas e priorizar aquelas máis urxentes ou que beneficiasen ao maior número de persoas. Ao longo do proceso participativo -no que participaron 73 veciños e veciñas-  presentáronse un total de 48 iniciativas, na súa maioría centradas nos servizos básicos. Porén, na xuntanza final tamén quedaron patentes outras demandas de alcance xeral relacionadas con aspectos tan variados como a subministración de auga, a ampliación de saneamentos por medio de foxas comunitarias ou os cambios na xestión forestal para converter o monte nun espazo máis produtivo e protexido do lume.

Estes tres últimos temas foron recorrentes en todas as asembleas, relacionados no caso da auga e dos incendios coa situación de seca que padece o país. De feito, en Lamas, no Camiño Arriba e Igrexafeita unha das cuestións propostas foi a de que o Concello se implique na construción de traídas de auga comunitarias que garantan a subministración que, no caso de Igrexafeita, bate co problema de que na zona si existen acuíferos que non serían aproveitables por causa da alta mineralización.

En relación cos saneamentos tamén se mostrou interese en ampliar a outras zonas do municipio as experiencias de Ferreira e Naraío, onde se instalaron dúas depuradoras integradas na paisaxe que funcionan sen enerxía eléctrica, empregando a filtración con grava e con plantas acuáticas. En concreto foron as parroquias de Lamas e Santa Mariña quen pediron que o Concello estudase levar esa solución barata e sostible para os lugares de Riboira e a Golpilleira.

Outra das cuestións que se tocou en practicamente todas as asembleas foi a do forestal, demandando que o Concello ofreza máis charlas sobre a posta en valor do monte e que se faga unha aplicación máis exhaustiva da normativa con respecto á protección dos núcleos. Neste sentido, desde o goberno local lembrouse que durante este ano se organizaron encontros por todo o territorio co obxectivo de fomentar a xestión sustentable dos montes e que mesmo se reservou unha partida do orzamento para apoiar aquelas iniciativas veciñais que apostasen por un monte diversificado e levado de forma racional. Un apoio que o executivo se comprometeu a manter de cara ao ano 2018.

As asembleas tamén serviron para solicitar reparacións -rebacheos principalmente- en distintos puntos da rede viaria municipal, ademais da ampliación dos alumeados públicos con tecnoloxía led, a colocación de sinalización e a adopción doutras medidas -como a construción de novas sendas peonís- coa finalidade de mellorar a seguridade do tráfico e de viandantes. Este apartado concentrou máis da metade das propostas.

Por outra banda tamén houbo cuestións puntuais de maior envergadura que o Concello asumiu o compromiso de estudar, como a mellora da accesibilidade e da usabilidade do local social de Lamas, a instalación de cadeiras nas bancadas do pavillón, a finalización das obras de posta en valor do castelo de Naraío para facelo visitable en condicións de seguridade, a creación dunha área de descanso para autocaravanas ou a posta en marcha dun centro de transformación de produtos agroalimentarios.

Na Mesa do orzamento participativo celebrada no serán do venres participaron dúas persoas en representación de cada unha das parroquias do municipio, así como o alcalde, Secundino García, e o responsable de Participación veciñal, Manolo Varela quen , ao remate do encontro, destacou “a implicación veciñal á hora de facer propostas con moito sentido e viables nunha alta porcentaxe”. Varela apuntou que na xuntanza “non se priorizaron investimentos” senón que será o Concello quen estude un por un “aqueles que son realizables e asumibles” para incorporalos xa ás contas de 2018 “ou a futuras anualidades”. Neste sentido, o concelleiro tamén asegurou que “unha boa parte” das propostas se levarán adiante no ano que entra xa que “son actuacións moi concretas e doadas de solventar por tratarse de pequenas reparacións en espazos públicos ou na rede viaria”.

Pola súa banda, Secundino García defendeu a utilidade do proceso “para estar en contacto constante coa veciñanza e coas súas necesidades”. Segundo o alcalde “a xente ve que as súas propostas van adiante ou, polo menos, que o Concello as asume para darlles unha resposta a medio ou longo prazo, xa sexa con recursos propios ou con axuda doutras administracións”. O rexedor lembra que o orzamento participativo de San Sadurniño é, con case unha década, “o máis veterano de Galicia e un dos primeiros que se puxeron en marcha no Estado. Temos unha experiencia acumulada que serviu de referente para outros municipios, algo que non enche de fachenda. Aínda así queremos seguir avanzando e mellorando o proceso para aumentar a participación da xente na construción diaria do noso territorio”.

Share.