As parroquias achegan medio cento de propostas para os orzamentos do ano que vén

0

A mesa veciñal do orzamento participativo reuniuse na tarde do venres para repasar o conxunto de propostas recollidas nas asembleas que se desenvolveron polo territorio nas últimas dúas semanas. O obxectivo da xuntanza -á que asistiron 14 persoas en representación das sete parroquias de San Sadurniño- foi o de repasar todas as ideas e marcar prioridades atendendo a tres criterios básicos: que as actuacións propostas sexan factibles, que poidan ser asumidas polo Concello e que destas se beneficie a maior parte da poboación.

O cometido da asemblea final do orzamento participativo é, ademais, o de que se poñan en común as peticións de cada parte do territorio para que, tamén en común e de forma consensuada, se decida cales pasarán formar parte do documento final de propostas para 2017.

Cómpre ter en conta que nas xuntanzas parroquiais se expuxeron máis de medio cento de ideas, unhas con actuacións concretas e cuantificables, outras con propostas máis xenéricas e algunhas -as menos- que plantexan dificultades orzamentarias ou organizativas ás que o Concello non pode facerlles fronte de inmediato.

As máis delas (arredor de 30) centráronse en demandas referidas ao mantemento viario, con novos asfaltados, a mellora da sinalización, limpeza de cunetas, rebacheos ou coa ampliación do número de sendas peonís. Neste sentido o Concello  adiantou nas propias asembleas que de cara a 2017 se incluirán no orzamento partidas para o acondicionamento de pistas e que, ademais, tamén se levará adiante un proxecto financiado pola Xunta -denominado APROL Rural- co obxecto de limpar gabias en profundidade retirando delas vexetación e sedimentos acumulados.

O proxecto desenvolverase durante seis meses en colaboración co Concello de Moeche e contempla a contratación de dúas persoas para conducir o camión e a escavadora municipais. A semana pasada solicitoúselle ao Servizo Público de Emprego de Galicia o envío dunha relación de candidatos e candidatas en situación de desemprego que se axusten a estes perfís profesionais para proceder á selección nos próximos días e comezar cos traballos o antes posible.

En relación co arranxo das estradas municipais, o Concello tamén valora a posibilidade de contratar no ano que entra unha empresa que se encargue do mantemento das pistas, de maneira que os pequenos labores de conservación -rebacheos principalmente- se poidan facer de inmediato. Deste xeito ampliaríase a vida útil das vías municipais e acurtaríanse os tempos de resposta cando aparece algún burato no firme. Por outra banda, ter contratado  un equipo legoeiro tamén evitaría ter que deseñar grandes proxectos -e agardar a que se adxudiquen- para solventar problemas puntuais doados de arranxar.

Outro grande bloque de peticións veciñais refírese á conservación patrimonial e de zonas verdes, así como a mellora de equipamentos municipais. É o caso do peche da parte dianteira do local social de Lamas, da reparación do chan do primeiro andar do local veciñal de Santa Mariña -onde tamén se solicitou a instalación dun parque biosaudable- ou a construción dun cobertizo no acceso ao local social de Bardaos. Neste mesmo apartado tamén se inclúen as solicitudes de colocar bases para colectores do lixo nalgúns puntos do concello, a ampliación da recollida porta por porta e mesmo a creación de novas áreas de descanso ou a instalación de bancos e equipamentos de xogo infantil nos xardíns municipais.

No tocante ao mantemento de zonas verdes o Concello tamén comunicou que nestes momentos se están preparando os pregos técnicos e administrativos para contratar este servizo no que, ademais dos xardíns e áreas de lecer -arboredo, paseo do Xubia, sendeiros e zonas recreativas das parroquias-, tamén se  incluirán outros puntos como o contorno dos lavadoiros.

Por último, xunto coas propostas de infraestruturas, tamén houbo outras relativas ao desenvolvemento socioeconómico do municipio. En concreto dúas: a proposta xurdida en Lamas ao respecto de que se organice un campionato interparroquial de xogos tradicionais e a que se propuxo en Naraío para que se estude a posibilidade de acondicionar algún recinto municipal como sala de transformación de produtos primarios para a súa utilización comunitaria.

Na xuntanza do venres á tarde participaron 14 persoas en representación das sete parroquias do municipio que se ocuparon de discutir o total de ideas recollidas nas asembleas veciñais e extractar aquelas máis prioritarias que o Concello poida levar adiante con recursos propios ou mediante programas doutras administracións. O documento que resume as actuacións propostas para 2017 estará dispoñible na web entre hoxe e mañá.

Consello de participación veciñal
Do resultado do proceso do orzamento participativo deste ano falarase tamén o  xoves a partir das 20.00h. no salón de plenos, dentro da reunión do Consello de Participación veciñal convocado polo Concello. Deste organismo forman parte as entidades veciñais, culturais e deportivas do municipio, ademais do goberno local e os grupos con representación municipal.

A orde do día ten como primeiro punto a valoración das asembleas veciñais e despois abordará a revisión das bases que rexerán as subvencións do ano que vén para o tecido social e deportivo. Na convocatoria tamén se reserva un apartado para volver falar da información sobre a tramitación do PXOM, que agarda pola chegada dos informes de Augas de Galicia e de Patrimonio para darlle resposta ás algo máis de 400 alegacións presentadas pola veciñanza.

Tal e como informou a alcaldía no último pleno municipal -en resposta a unha pregunta formulada polo PP- as previsións municipais apuntan a que o proceso estea completado no que queda de 2016 e o primeiro trimestre de 2017 se non se producen demoras na recepción dos dous informes pendentes de emitir por parte da Xunta.

Documentación descargable:
Folla de resume das propostas presentadas nas asembleas

 

Share.