As Pandereteiras do Saíme, o Home Orquestra e Xoán Padín & Cía. actuarán no último Á xunta da noite

0

O programa itinerante Á xunta da noite chega este venres ao seu remate. A polideportiva da piscina dos Corrás, en San Sadurniño, acollerá  a partir das 20:00h a última cita dunha serie de eventos cargados de música, maxia e humor que comezou o verán pasado e que proseguíu no deste 2021, co obxectivo de levar actuacións a todas as parroquias nun formato adaptado ás restricións sanitarias. Para a despedida o Concello convidou ás Pandereteiras do Saíme, ao home orquestra Cè Orquestra Pantasma e ao grupo de voces encabezado por Xoán Padín. O aforo está case completo e desde Cultura apuntan que no momento de facer esta nota -as 10 da mañá- só quedaban 5 convites por reservar. Quen queira facerse con un deles debe chamar o antes posible ao 616 332 919 ou mandar un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal. E para a fin de semana que vén, sesións de cine ao aire libre nos xardíns municipais coa Galiña Turuleca e O que arde, para as que tamén fará falla gardar sitio.

Para o último Á xunta da noite, a área municipal de Cultura só puxo a disposición do público un máximo de 100 entradas por razóns do espazo dispoñible. E é que na pista multixogos de Corrás ese é o número máximo de persoas que poden acomodarse garantindo a distancia de seguridade entre non conviventes. Por esa razón, e dependendo das reservas, o Concello distribúe as cadeiras asignándoas por grupos, que en todo momento deben usar a mascarilla.

Desde a organización vólvese insistir, unha vez máis, en que se comunique a cancelación da reserva se finalmente non se pode asistir ou se se cambia de idea, de maneira que se lle poida ceder a entrada a persoas que estean anotadas na lista de agarda. Tamén se pide que a chegada se vaia facendo escalonada desde as 19:30h para evitar aglomeracións á hora de asignar os sitios e para evitar un retraso innecesario no comezo das actuacións.

A cita deste venres dispón aínda de 5 localidades libres, aínda que todo apunta a que ao longo do día de hoxe acaben completándose por mor do bo tempo que se agarda e pola calidade das actuacións. A orde non está pechada aínda, pero o máis seguro é que vaian primeiro as Pandereteiras do Saíme -pertencentes ás escolas municipais-, logo César Freiría (Home Orquestra Cè Orquestra Pantasma), e, pechando, o grupo de voces das que se rodea habitualmente o músico e cantautor Xoán Padín.

Ademais da música e o humor, en Corrás tamén haberá un posto para mercar bebidas e lambetadas que tamén ofrece a posibilidade de petiscar un prato de liscos (bebida incluída) por prezos axustados.

Cine ao aire libre na primeira “finde” de setembro
O remate do Á xunta da noite non significa que acaben as actividades culturais do verán. A primeira fin de semana de setembro tocaría celebrar o encontro audiovisual Chanfaina Lab, que deberá agardar polo menos outro ano máis para levarse a cabo como é debido. Porén, o Concello de San Sadurniño non renuncia ao cine. Por iso programou dúas proxeccións ao aire libre que terán lugar nos xardíns municipais -recoméndase levar roupa abrigosa- e, no caso de que chovese, trasladaríanse ao ximnasio do CPI.

O venres 3 de setembro ás 21:30h proxectarase o filme infantil A galiña Turuleca, de Eduardo Gondell e Víctor Monigote; e o sábado 4 de setembro á mesma hora pasarase o multipremiado O que arde, de Óliver Laxe.

Para estas dúas proxeccións gratuítas ofértanse 100 localidades, que deberán reservarse no 616 332 919 ou en agustin.perez@sansadurnino.gal

 

Share.