As oficinas do Concello só atenderán con cita previa desde mañá e unicamente cuestións urxentes

0

Secundino García, María Muíño e Manolo Varela reuníronse esta mañá no Concello para avaliar a aplicación das medidas de contención do coronavirus decretadas desde o xoves pola Xunta de Galicia e, onte mesmo, polo Goberno do Estado por medio do RD 463/2020 que supón a declaración do Estado de Alarma en toda España durante alomenos 15 días. O alcalde e os dous edís -optouse por facer unha convocatoria reducida para minimizar riscos- abordaron na xuntanza varias fórmulas para reordenar o funcionamento da administración local con dous obxectivos: protexer a saúde do persoal e as persoas usuarias e, por outra banda, seguir ofrecéndolle servizos á veciñanza dentro das circunstancias excepcionais en que nos encontramos. A medida preventiva de maior calado atende á atención ao público. Neste sentido, desde este mesmo luns -e mentres se manteñan ás restricións á mobilidade- no Pazo só se atenderán presencialmente as xestións urxentes que non poidan facerse a través do teléfono, do mail correo@sansadurnino.gal ou da sede electrónica e, en calquera caso, antes de acudir ao Concello será necesario solicitar cita previa no 981 490 027 de cara a que o persoal administrativo valore se fai falla ou non pasar polas oficinas municipais.

O Goberno local informará mañá a primeira hora a todos os servizos sobre os cambios organizativos, que recollen en parte as recomendacións da FEGAMP e que seguen a normativa de urxencia publicada nos últimos dous días. A idea é favorecer o teletraballo ou o traballo semipresencial do persoal que poida desempeñar as súas funcións desde a casa, establecer quendas nas oficinas de atención ao público e, en todo caso, facilitarlle á veciñanza aquelas xestións máis comúns sen necesidade de que se acheguen ás oficinas municipais.

Por esta razón, antes de presentarse no Concello será obrigatorio chamar por teléfono ao 981 490 027, expoñer o caso de que se trate -solicitudes, petición de información, consultas ou trámites referidos a servizos sociais, urbanismo, etc.- e, só se o persoal municipal o considera imprescindible, acudir ao consistorio no día e hora en que nos dean cita.

“Somos a administración máis próxima á xente e neste momento temos que garantir uns servizos mínimos á poboación e contribuír coas nosas accións a frear o avance do virus”, explicou Secundino García. O alcalde pide neste sentido que a xente tome en serio o confinamento decretado polo Goberno do Estado e que se evite calquera desprazamento innecesario.

Cómpre ter en conta que na actual situación de Alarma só se autorizan os movementos para ir traballar, facer compra, ir ao médico, ao banco, á farmacia, volver para a casa ou acudir valerlle a outras persoas que o precisen, ademais doutras excepcións reflectidas no BOE. “No caso do Concello hai xestións que se poden facer perfectamente por teléfono, en correo@sansadurnino.gal ou na sede electrónica e hai outras que, dadas as circunstancias, poden agardar varios días sen maior problema. Respectemos a lei e apliquemos o sentido común. Que ninguén veña polo Concello e, se cre que ten que facelo, que o confirme chamando antes ao 981 490 027”, indica o alcalde.

O decreto de Alarma tamén suspende os prazos administrativos ata que se restableza a normalidade. Iso aféctalle á solicitude de praza de novo ingreso na EIM A Rolada, que permanecerá pechada durante alomenos dúas semanas, igual que o resto de dependencias municipais agás a Casa do Concello.

As familias poden tramitar toda a documentación a través da sede electrónica municipal ou ben descargala e rexistrala presencialmente tan pronto como se levanten as restricións á circulación impostas pola situación de Alarma. En calquera caso, recordamos que o prazo do 16 ao 31 de marzo para presentar os papeis está suspendido e que, polo tanto, non é unha xestión que corra apuro.

Xuntas de Goberno por Skype e activación da app Liña Verde para comunicar incidencias
Na xuntanza desta mañá, Secundino García, María Muíño e Manolo Varela tamén acordaron trasladarlles aos voceiros de PP e PSOE a proposta de suspender temporalmente a celebración dos plenos ou de buscar alternativas para a súa celebración telemática. De feito, o grupo de goberno xa dispón de contas en Skype por se fose necesario botar man desa plataforma para realizar xuntanzas virtuais.

Ademais entre este luns e a xornada do martes porase en marcha a app Liña Verde, pensada para mellorar a comunicación coa veciñanza. Trátase dunha plicación móbil dispoñible para iOS e Android que permite trasladar incidencias -alumeado público, lixo, desperfectos, etc.- e contactar co Concello para solicitar calquera tipo de información. Abonda con instalala no móbil, buscar no listado de municipios o Concello de San Sadurniño e xa se pode empezar a utilizar. A app estivo en probas nas últimas semanas e as circunstancias actuais levaron ao Goberno local a facela pública de inmediato como unha nova vía de relación da veciñanza co Concello.

Non saiades e atendédelle ás recomendacións de hixiene
Desde o Concello vólvese insistir en que se deben limitar os desprazamentos aos estrictamente necesarios e permitidos pola situación de Estado de Alarma. Tamén se lle pide á veciñanza a máxima dilixencia cumprindo as recomendacións en canto á hixiene -lavado frecuente de mans, non tocar ollos nin o nariz, esbirrar contra o brazo ou nun pano desbotable- e a evitar o contacto físico.

Se notamos síntomas leves coincidentes coa pneumonía por coronavirus -febre, tose e dificultade para respirar-, debemos chamar ao 900 400 116 e, se a sintomatoloxía é máis grave, chamar ao 061. En ningún caso debemos acudir pola nosa conta ao centro de saúde ou ás urxencias hospitalarias. Por outra banda, e como cuestión de solidariedade, non está de máis que no noso entorno esteamos pendentes de como se encontran veciñas ou veciños de idade avanzada ou en condicións de vulnerabilidade que carezan de redes de apoio familiar.

Web do SERGAS sobre o coronavirus
Web do Ministerio de Sanidade
Decreto de emerxencia sanitaria en Galicia – DOG 50bis do 13/03/2020
Real Decreto 463/2020 de Estado de Alarma – BOE 67 do 14/03/2020

 

Share.