As obras no contorno da piscina avanzan a bo ritmo

0

Vai para un mes que comezaron en Currás os traballos de remodelación da zona recreativa que rodea a piscina e mailo campo de fútbol municipal. Das obras encárgase a empresa Guerreiro Somozas S.L., que nestes días está centrándose na preparación da que será a nova área de merendeiros, máis ampla e con mesas separadas que  permitirán gozar de certa intimidade mentres se pasa o día ao aire libre. Ese será un dos grandes cambios que se note cando remate a remodelación. Pero hai máis: unha cancha multixogos, un pequeno campo para botar pachangas a fútbol ou a volei, a redistribución das barbacoas e a rehabilitación dos vestiarios da piscina compoñen a maior parte das actuacións dun proxecto co que se persegue converter a área de Currás nun lugar que se poida usar durante todo o ano e, especialmente, na primavera e mailo verán.

As obras fináncianse con cargo ao Plan de Acción Social da Deputación da Coruña e saíron a contratación por un importe de 135.614€. O proxecto deseñado pola arquitecta municipal, Montserrat Ruíz, marca como liñas mestras a eliminación de peches perimetrais, a ampliación das áreas destinadas ao lecer e a instalación de novo mobiliario, tanto deportivo como para xogos infantís, ademais de definir a restauración da cantina e dos vestiarios e a reordenación dos lugares arborados.

O programa das obras reflicte máis de 25 actuacións na zona que comezaron coa eliminación dunha parte dos valos metálicos e co movemento de terras nunha leira propiedade do Concello lindante coa piscina que ata hai pouco se empregaba como aparcadoiro. Malia a choiva da semana pasada -que impediu o traballo con maquinaria pesada- o nivelado está rematado e incluso se empezaron a construír as bases dos novos merendeiros, que irán separados varios metros e unidos por un sendeiro en espiña de peixe. De feito, ademais da ampliación da zona de lecer, outro dos obxectivos da remodelación é mellorar a accesibilidade concibindo a área recreativa como un todo unido e con apartados para usos diferentes.

O que se está facendo é darlle unha volta a como se reparten os espazos. Plantaranse máis árbores, o lugar contará con novo mobiliario e elementos decorativos e aproveitarase parte do acceso principal ao recinto como pista deportiva multixogos -baloncesto e xogos populares-, mentres que o lateral exterior das bancadas do campo de fútbol, que irá decorado cun grande mural, contará con céspede e material para poder botar “pachangas” de volei ou xogar rebumbios ao fútbol.

O plan de mellora da área de Currás tamén ten prevista a incorporación de máis equipamentos infantís e a preparación da banda leste do campo de fútbol como lugar de estacionamento complementario do aparcadoiro elevado existente ao pé da estrada que tamén se prevé reparar. Porén, o alcance das obras non só será estético senón tamén funcional e ambiental. O proxecto cita que se respectarán os elementos existentes que sexan aproveitables, que se eliminarán “os descontextualizados” e que se introducirán  “construccións e mobiliario sostibles e respectuosos co medio ambiente”.

O obxectivo último deste proxecto é converter a zona de Currás nunha área recreativa que poida usarse durante todo o ano e que sexa un referente na primavera e no verán. Se o tempo deixa traballar, todo o contorno quedará completamente remodelado cara a finais de ano.

Share.