As nenas e nenos da Rolada celebran o Día do Libro con Lidia Pena Contacontos

0

A rapazada da escola infantil de San Sadurniño celebrou este mércores o Día do Libro na compaña de Lidia Pena Contacontos, quen lles narrou unha historia que en realidade eran moitas pequenas historias e todas coñecidas polas nenas e nenos. O seu título: “As mulleres do Castelo”. Un conto cheo de aventuras e de mulleres afoutas preparado por Pena exclusivamente para o alumnado da EIM A Rolada que, ademais, se insire nas actividades de educación en Igualdade do centro.

Captar a atención de crianzas desde os poucos meses até os tres anos non é cousa doada. E menos aínda conseguir que permanezan atentas a unha historia máis aló de cinco minutos. Porén, Lidia Pena Contacontos foi quen de facelo onte á mañá.

A narradora tróuxolles un conto protagonizado por  Carapuchiña Vermella, Cincenta e a Bela Durminte, tres personaxes clásicos que nesta ocasión lles contaron ás pequenas e pequenos cal é a súa profesión. Porque as protagonistas de “As mulleres do Castelo”, son as tres grandes profesionais, cada unha no seu, e persoas independentes “que poden ser quen queiran ser”.

Así, Carapuchiña é a carteira que reparte a correspondencia polo territorio, a Cincenza é unha zapateira habilidosa que fai calzado moi cómodo que nunca escapa do pé, e a Bela Durminte non é que estea durmindo sempre, senón que traballa na quenda de noite como vixiante de seguridade do Castelo e por iso ten que descansar de día.

Personaxes de toda a vida que se presentan diante das nenas e nenos con roles distintos aos que lles deron fama; roles libres de prexuízos e de estereotipos de xénero coincidentes cos valores de igualdade que fomenta o modelo educativo da EIM A Rolada.

Lidia Pena Contacontos non só contou a historia das mulleres do castelo, senón que a foi enfiando con cancións e procurando que todas as nenas e nenos participasen da sesión coma se dun xogo se tratase (que o foi).  Ademais, antes de marchar deixoulles varias fichas ás nenas e nenos para que poidan seguir traballando nos próximos días.

A actividade lúdica que se desenvolveu este mércores na Rolada co gallo da celebración do Día do Libro estivo organizada pola área de Igualdade do Concello en coordinación co equipo docente da escola.

Share.