As mozas de Teño unha horta… réndenlle homenaxe a Kaneto Shindô

0

As compoñentes do proxecto “Teño unha horta en San Sadurniño” son habituais no Chanfaina Lab, xa sexa botando unha man na produción, protagonizando pezas e incluso realizándoas. Na última edición do encontro audiovisual mesmo se atreveron a facer curtametraxes. Unha delas xa a vimos, centrada na historia da conserveira El Cisne, e a outra estreouse o venres pasado cun formato a medio camiño entre a ficción e o documental co que lle renden tributo temático e visual ao filme xaponés “A illa núa”, dirixido en 1960 por Kaneto Shindô. Igual ca el, as Carme Couce, Carme Bouza, Consuelo Picos, Lucía Pita e Cruz Piñón reflicten en “Boniatos no país do sol poñente” a dureza de sacar froitos da terra, ao tempo que reivindican a muller como sustento do rural. A peza resúmea así o profesor Manolo González:

Carmen Bouza (Lamas 1948), Carmen Couce (Lamas 1949), Consuelo Picos (Igrexafeita,1945), Cruz Piñón (Ferreira 1953) e Lucita Pita (Naraío, 1937), veteranas colaboradoras de “Fálame de San Sadurniño”, crearon o proxecto “Teño unha horta en San Sadurniño” no ano 2015 co obxectivo de difundir e compartir o coñecemento e a experiencia das mulleres nos traballos do campo.

Na súa canle de Youtube -con arredor de 70 vídeos publicados- dá a coñecer as labores agrícolas ensinando trucos e tarefas tradicionais da agricultura galega. O proxecto acadou un grande éxito mediático con 413.205 visualizacións e 1.600 subscritores, e xa recibiu unha morea de premios e recoñecementos como o “mellor web serie en VO” no Carballo Interplay, “Mellor vídeo-opinarmos” en Youtubeir@s, ou o premio como “mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores”, outorgado pola fundación DomusVi. de Madrid, entre outros moitos recoñecementos e considerado xa como un referente na rede.

As cinco mulleres de “Teño unha horta” participaron no 4º Chanfaina Lab coa peza “Historia do cisne, o atún e a troita”. Ademais colaboraron en todas as edicións axudando aos cineastas no que podían, dende a localización e produción, ata o reparto e interpretación. No decurso desta edición asistiron á Masterclass de Oliver Laxe sobre o cinema rural, na que o cineasta utilizou fragmentos do filme “A illa núa” (Kaneto Shindô, 1960). O filme narra a sacrificada vida cotián dunha familia que habita un illote do Xapón sen auga doce, onde cousas tan sinxelas como cultivar boniatos ou simplemente dispor de auga para beber, supoñen un inmenso esforzo e un reto vital. As cinco mulleres toparon alí unha fonte de inspiración e animáronse a producir unha segunda peza:”Nós estabamos un pouco tristes porque este ano non nos deixaron plantar patacas e substituímolas por boniatos. Na película xaponesa que nos puxo Oliver -que durante o Chanfaina foi moi amable connosco- non paraban de regar boniatos. Ademais víase ben que o traballo que tiñan no campo era o mesmo que o tivemos nós durante a nosa vida, aínda que agora non queda nin sombra do que foi. Tamén nos identificamos coa muller xaponesa, como sustento e base da economía rural, do mesmo xeito que moitos labores agrícolas que aínda hoxe se fan por Galicia adiante”.

“Boniatos no país do sol poniente” é unha fermosísima homenaxe ao cinema e ás mulleres labregas. A música e coidada estética de “A illa núa” son o envoltorio perfecto do proceso da rega dos “seus boniatos” que agromaron en San Sadurniño por mor da prohibición das patacas. As veteranas cineastas -sen complexo algún- amosan talento, autenticidade e agarimo para reflectir que o apego á terra e o traballoso de soster un rural vivo non é algo exclusivo de lugares afastados, senón unha responsabilidade da que terman moitas mulleres e homes ben preto de nós. Nótase ademais que o pasaron moi ben facendo a curta: “Gustaríanos que a xente goce moito véndoa, como nós gozamos facéndoa; mágoa que non poidan facelo coas riquísimas tortillas que fixemos cos boniatos”.

Share.