As hortas de San Sadurniño seguen medrando

0

Maruxa, Carmiña, Cruz, Consuelo e Lucita. Elas son as protagonistas da canle de youtube “Teño unha horta en San Sadurniño”. Máis que elas, os seus consellos sobre como poñer a terra a producir practicamente calquera cousa, desde cebolas ata maní ou esponxas vexetais. O proxecto audiovisual nacido arredor da Aula CeMIT en 2015 continúa medrando e nestes momentos xa hai dispoñibles 24 pezas impagables tanto polo que nelas se conta como por quen as conta e como as conta. Estes videotutoriais achéganse xa ás 10.000 reproducións.

Cando oímos o anglicismo youtuber inmediatamente non veñen á cabeza imaxes de xente cool -ou cuqui- facendo madalenas con fondant e outros ingredientes insípidos pero ben bonitos en pantalla. Ou, se cadra, visualizamos rapazolos e rapazolas contándonos algunha vivencia diaria coma se fose espontánea cando, en realidade, detrás hai equipos de produción de varias persoas que guionizan, gravan e posproducen os contidos. Mesmo nos poden vir á cabeza artistas virtuais que pican a xente pola rúa e que despois se laian por levar un bofetón.

Esas son algunhas das realidades de youtube, pero non as únicas. Porque nesta plataforma que democratizou como ningunha outra a comunicación -xunto coa fama e as posibilidades de negocio- tamén se atopa xente que só pretende compartir o que sabe e, de paso, axudar a que o coñecemento acumulado durante xeracións perviva para sempre gardado en formato dixital.

Neste último caso é onde poderiamos enmarcar o proxecto “Teño unha horta en San Sadurniño”, froito da insistente afouteza da dinamizadora Carmen Suárez e da implicación de varias mulleres do territorio que non responden ao estereotipo youtubeiro que poidamos ter en mente. Andan nos 70 ou máis anos, ata que se meteron a facer cursos na Aula CeMIT nunca tiveran contacto coas TIC e nin lles vai o postureo nin se obcecan con andar sempre á última en canto a tecnoloxía. Abóndalles un móbil e algo de axuda para editar, o resto xa o poñen elas.

No verán de 2015 botou a andar a iniciativa de elaborar pequenas pírulas audiovisuais para mostrar traballos agrarios que se fixeron toda a vida. A experiencia arrancou no marco do programa CeMIT-Innova apoiado pola FUNDETEC e nun principio a cousa concibiuse como un intercambio interxeracional onde xente moza lles daba ás mulleres apoio técnico mentres aprendían cousas que na vida fixeran e, ao revés, mentres as protagonistas se ían afacendo á dinámica de falar diante dunha cámara e despois colgar na rede o resultado.

Porén, esa idea inicial foi evolucionando e hoxe Carmiña, Lucita, Consuelo, Maruxa e Cruz son case autosuficientes, turnándose entre elas para gravar e protagonizar os vídeos que se subirán posteriormente á súa canle de youtube, onde xa hai 24 vídeos dispoñibles que foron vistos por case 10.000 persoas. Ademais, o proxecto tamén ocupou un dos capítulos do espazo da TVG “Cos pés na terra” e participou no último Carballo Interplay dentro do apartado webseries Galiza_VO.

As últimas incorporacións a “Teño unha horta en San Sadurniño” son de hai escasos días e nelas as protagonistas móstrannos labores necesarios como os “traballos miúdos” que fai Lucita para acondicionar o terreo, as claves do cultivo da cebola segundo Carmiña, os segredos de Cruz para que se  logre o trigo sarraceno e, dous dos máis rechamantes, como obter luffas (esponxas vexetais) seguindo os consellos de Maruxa da Laxe e como construír un efectivo espantallo seguindo os sinxelos pasos que dá  Consuelo.

Todo un luxo audiovisual para ver dun tirón en pantalla grande agora que en moitas casas hai teles intelixentes nas que ver, tamén, cousas intelixentes.

Máis actividades da Aula CeMIT
Teño unha horta… é resultado do pulo que se lle está dando desde a Aula CeMIT á formación dixital da veciñanza, especialmente á de máis idade, como xeito de superar a fenda dixital que nestes momentos non é tanto cuestión de tecnoloxía senón de coñecemento. Hoxe mesmo finaliza un curso de dixitalización de fotografías, co que a aula de San Sadurniño tamén pecha a súa programación anual.

Con todo, a aula que dirixe Carmen Suárez xa ten previstas actividades para o ano que entra. Do 20 de febreiro ao 3 de marzo impartirase un curso de deseño de carteis e folletos co software libre Scribus. Durará 12 horas e desenvolverase os luns, mércores e venres en horario de mañá, de 10.00 a 12.00h.

O seguinte -do 20 de marzo ao 7 de abril cos mesmos horarios e días- centrarase na introdución ás follas de cálculo con Libre Office Calc, un programa tamén gratuíto e tan potente como o Excel de Microsoft.

Xa para maio, desde o 8 ao 26, a aula organiza unha acción formativa para descubrir o almacenamento na nube falando de Google Drive e Dropbox. O curso terá 16 horas de duración e tamén se ofrece en horario de mañá os luns, mércores e venres.

Para apuntarse ou obter máis información só hai que pasar pola aula, situada no primeiro andar da Casa da Cultura. Tamén se pode chamar directamente ao 616 016 793 ou mandar un correo a cemit.sansadurnino@xunta.es.

Ligazóns:
Canle “Teño unha horta en San Sadurniño”

 

 

Share.