As Heroínas da Igualdade saltan á Rede

0

Dentro da colaboración que mantén a área de Igualdade co CPI de San Sadurniño, ao longo do mes de maio desenvolvéronse nas aulas de 1º a 6º de Educación Primaria os obradoiros do proxecto “As Heroínas da Igualdade”. As sesións centráronse en traballar coa rapazada os estereotipos de xénero que se lles presentan a través dos medios de comunicación -principalmente o cine e os debuxos animados- de cara a fomentar na cativería un espírito crítico que rache con eles. O proxecto tiña unha segunda parte consistente en que as nenas e nenos levasen á práctica todo o aprendido. Para iso crearon historias, deseñaron personaxes e mesmo as animaron desde unha perspectiva de xénero totalmente neutra. Tralo remate do proxecto, e coincidindo co 25-N, todas elas saltan agora á rede por medio dun vídeo e dunha galería fotográfica en Facebook.

O machismo apréndese, non se nace con el. E, do mesmo xeito, a través da educación tamén se pode e se debe ir traballando para desterrar do proceso de socialización da infancia todos aqueles estereotipos de xénero que perpetúan as desigualdades entre nenas e nenos, entre mulleres e homes.

Nin as nenas son febles por ser nenas nin os nenos son máis fortes por ser nenos, nin a rosa é a cor das cativas nin hai motivo para que a azul sexa a dos cativos, tampouco hai nada -un xogo, un deporte, un traballo…- que deba estar preconcibido en masculino ou feminino: tanta calidade ten en fútbol unha cativa coma un cativo, tan ben guía un coche de rally unha moza coma un mozo e a mesma valía teñen homes e mulleres, mulleres e homes dirixindo empresas. É só unha cuestión de igualdade de oportunidades e de competencia desenvolvendo todas esas funcións, non algo que veña dado polo xénero co que se nace.

Esa é a teoría, pero outra cousa é a realidade. En países coma o noso que se consideran “avanzados” segue pesando moito unha tradición patriarcal normalizada e interiorizada en todos os estratos da sociedade que teima en poñerlle á muller teitos de cristal -por non chamarlle teitos discriminatorios directamente- que impiden alcanzar esa igualdade plena de dereitos tan traída e levada nos últimos tempos. Unha igualdade que só se pode alcanzar mudando a sociedade a través da educación desde idades temperás.

Porén, ese obxectivo complícase na era da televisión e das táblets acesas a todas horas para que a cativería xante, merende, cee e se entreteña. Aínda que as familias poidan ter claro o significado da coeducación, a corresponsabilidade e a igualdade, as nenas e nenos vense bombardeados constantemente por mensaxes que seguen alimentando os estereotipos: anuncios de bonecas e “cocinitas” protagonizados por nenas e anuncios de coches e pistolas de dardos de xoguete onde só saen nenos, debuxos animados de princesiñas salvadas por príncipes, etc.

As “Heroínas da Igualdade”
Por sorte vai habendo excepcións -véxase por exemplo como deseña os seus catálogos Toy Planet ou a serie “Prodixiosa: as aventuras de Lady Bug”-, pero aínda queda moito por facer. E aí entran en xogo proxectos educativos como “As Heroínas da Igualdade”, impulsado polo Concello en colaboración coa asociación Meigallo. Durante varios días traballaron nas aulas de 1º a 6º de Primaria do CPI aspectos como os roles e os estereotipos de xénero, incidindo moito en como se reflicten nos debuxos animados. O obxectivo das sesións foi que as nenas e nenos aprendesen a identificar eses aspectos para ir asentando un pensamento crítico sobre o que ven e, a partir de aí, ser conscientes desas mensaxes que alimentan a desigualdade por razón do xénero.

Ademais de falarlles da cuestión con materiais adaptados a cada idade, desde Meigallo tamén se lles propuxo ás cativas e cativos que pensasen distintas historias e personaxes protagonistas -tanto masculinos como femininos- con algún tipo de superpoder.  Laika Garci, Fikachu Finger, Juanqui Mariscal, Robin Fdz, Jesusa Jackson… son os nomes dalgunhas destas creacións que, posteriormente, se animaron cun programa informático para que cobrasen vida.

Agora, todas e todos eles están en youtube e tamén nunha galería en Facebook que nos vai mostrando as súas pequenas historias, todas elas moi imaxinativas e en clave de igualdade sen ningún tipo de prexuízo de xénero. A actividade forma parte do programa de sensibilización, información e difusión sobre a igualdade e a prevención da violencia de xénero cofinanciado polo Ministerio de Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade e pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia.

  logoministerio logopresidencia     

 

 

Share.