As familias usuarias danlle un sobresaliente á Escola Infantil Municipal

0

A comisión de seguimento e control da EIM A Rolada  reuniuse este martes para avaliar o funcionamento do centro no presente curso e para poñer en común o resultado das enquisas de satisfacción das familias con respecto ao servizo nos cursos 2014-2015 e 2015-2016. As dúas sáldanse cunha media de sobresaliente entre os puntos consultados de forma anónima a través dun cuestionario cunha trintena de preguntas repartidas en catro bloques temáticos máis outras dúas de valoración xeral. As enquisas tamén serviron para recoller propostas de mellora das instalacións achegadas polas familias que, na súa maior parte, xa foron acometidas polo Concello nas últimas semanas.

Os aspectos que se lles pediu valorar ás nais e pais das criaturas matriculadas foron os relativos ao persoal do centro e o do Concello responsable do servizo, os servizos e procesos de funcionamento, as instalacións e a convivencia e a comunicación e a relación na escola. As enquisas estruturáronse en 30 preguntas pechadas distribuídas nestes catro apartados que as familias debían valorar do 0 ao 5.

Canda elas incluíronse varios campos de resposta aberta para ecoller achegas sobre cambios, actividades extraescolares e outras observacións, ademais de dúas preguntas xerais para coñecer a valoración xeral e saber ata que punto recomendarían este servizo socioeducativo a outras familias. En ambos os dous casos a media obtida é superior a 9 puntos sobre un máximo de 10.

Máis en detalle, o informe que se presentou na comisión de seguemento deste martes compara a evolución da escola nos dous últimos cursos completados (o 2014-2015 e o 2015-2016) apuntando que todas as medias comparadas superan os 8,8 puntos. Os aspectos mellor valorados foron os relativos ao persoal da empresa xestora do servizo e á responsable do Concello, ás instalacións e materiais empregados na escola e aos servizos e procesos de funcionamento do centro, que pasan dos 9 puntos e melloran os resultados do primeiro curso da EIM.

No tocante ás melloras da infraestrutura cómpre destacar a petición das familias da instalación dun sistema que regulase a temperatura durante  o verán así como a cobertura do patio exterior. Solicitudes das que o Concello tomou nota e ás que se lles deu resposta durante o verán e o pasado mes de novembro coa colocación dunha rede de sombra nos xardíns, a habilitación dunha parte da galería como espazo de xogos para os días de choiva e a dotación das aulas con equipamento independente de climatización, ademais dunha pantalla interactiva, máis xoguetes e dúas táblets.

A comisión de seguimento e control da EIM A Rolada está formada por persoal técnico municipal e da empresa xestora, ademais de polo titular da área de Servizos Sociais, Suso Soto, en calidade de presidente e da responsable de Igualdade, Ana B. Gundín, como vicepresidenta.

Tal e como apunta Suso Soto, a escola está “nun constante proceso de mellora das instalacións e dos servizos que ofrece” e, neste sentido, destacou “o importante valor das enquisas tanto para ver o grao de satisfacción das familias como os cambios que propoñen para cubrir mellor as súas necesidades”. Pola súa banda, Ana B. Gundín  sinalou que a reunión da comisión de seguimento  serviu tamén para abordar “modificacións formais” do regulamento da EIM que se levarán ao próximo pleno municipal co obxectivo de adaptar o texto “á realidade actual” e a “novas normativas” xurdidas desde que se aprobou o primeiro texto.

A Escola Infantil Municipal A Rolada ten capacidade para atender 38 criaturas de entre 0 e 3 anos. Nestes momentos conta con 22 matrículas: 2 na unidade de 0 a 1 ano, 9 na de 1 a 2 e 11 na de 2 a 3 anos. Nas próximas semanas incorporaranse dous bebés á aula das máis pequeniñas.

Share.