As escolas municipais de Cultura despídense ata outubro

0

Rematou tamén o ano “académico” para as escolas de música que se imparten en Lamas, San Sadurniño e Naraío. E, coma en calquera escola, tamén houbo actuación de fin de curso para mostrar todo o aprendido nos últimos meses. Foi na Casa da Cultura o sábado á tarde en presenza de familiares e de quen quixo pasar por alí para gozar dunha hora de pezas tradicionais interpretadas “a cappella”, pero tamén na compaña de pandeiretas e gaitas.

A concelleira de Cultura, Sabela Cinza, abriu o acto agradecéndolle ao profesorado o seu traballo nos últimos meses. Un agradecemento que a concelleira tamén lle expresou ás persoas que asistiron ás clases, como “verdadeiras protagonistas” da tarde e dos obradoiros que agora rematan organizados polo Concello.

O evento arrancou coas masas corais de Lamas e San Sadurniño unidas nun mesmo coro, que repasaron varios títulos do repertorio tradicional galego. Digna de destacar foi a súa interpretación da Negra sombra escrita por Rosalía Castro e musicada por Juan Montes Capón (Lugo 1840-1899) a partir dun alalá recollido na Cruz do Incio.

Trala coral subiron ao escenario os dous grupos de nenos e nenas que asisten ás clases de pandeireta e canto tradicional coa mestra Carmen Pedreira. Primeiro foron os máis pequeniños e pequeniñas -pouco máis de 4 anos- que cantaron dúas pezas con cunchas antes de darlle paso ás cativas -e o cativo- que compoñen a Rapazada do Saíme. Igual que ocorrera no peche do curso de 2016, nesta ocasión volveron deixar patente a súa evolución no último ano, cunha maior precisión e forza na pandeireta e unha técnica vocal abraiante que lles deixou o listón ben alto ás Cantareiras do Saíme -o grupo de mulleres adultas-, ataviadas para a ocasión con traxes de cotío de distintas zonas de Galicia cedidos polo coleccionista Alberto Golpe.

A tarde rematou con todas as escolas de música tradicional sobre o escenario

A tarde rematou con todas as escolas de música tradicional sobre o escenario

O remate da exhibición correu por conta das gaitas dirixidas por Marcos García, quen recolleu recentemente o testemuño do mestre gaiteiro Antón Varela, presente tamén no evento de clausura. Botaron varias pezas en solitario e, cara ao final da actuación, uníronselles as pandeiretas para interpretaren as dúas últimas cancións da tarde antes da despedida con todo o escenario cheo de gaitas, pandeiretas -grandes e pequenas- papás e mamás cantando “A Rabieira” e “A Carolina”.

O peche das escolas musicais do Concello rematou pouco despois das 19.00h. Máis que unha despedida de curso foi un ata logo, xa que a maior parte do seu alumnado volverá verse no mes de outubro para iniciar un novo ciclo.

 

Share.