As entidades veciñais preparan un reinicio de temporada cargado de propostas

0

Tralo parón de verán, as entidades sociais do territorio retoman durante este mes de outubro a súa actividade ofertando unha chea de cousas que, pola proximidade das datas de Santos, adoitan arrancar cos magostos. Nestes momentos temos constancia -porque así nolo fixeron saber- da programación para as próximas semanas nas parroquias de Lamas e Naraío, onde poderemos gozar  en distintos días de castañas, de obradoiros e tamén de apaixoantes maratóns de baralla. Calquera entidade que queira publicitar a través da web ou das redes sociais municipais as actividades que organiza só ten que enviarnos un correo a concellodesansadurnino@gmail.com.

Comezamos falando do sábado 28 de outubro. Unha data para a que, no momento de escribir estas letras, aínda falta máis dunha semana. Tempo dabondo para anotar no móbil as citas dese día, pero moi escaso se temos en conta que as dúas que hai previstas esixen terse apuntado antes. E é que nesa data temos dúas posibilidades, dunha banda o magosto popular de Lamas e, da outra, o xantar organizado pola comisión das festas de Naraío do ano que vén.

Empezan antes en Naraío. Concretamente ás 13.30h. cunha sesión vermú animada polo dúo D’Ases que irá seguida dun xantar composto por empanada, lagostinos, xarrete, bebida, sobremesa, café e chupiño por un prezo de 25€ para as persoas adultas, de 5€ para os nenos e nenas de 6 a 12 anos e gratis para as crianzas máis pequenas.  A troula -que terá lugar baixo unha carpa colocada na polideportiva- continuará durante a tarde e a noitiña, combinando a actuación do dúo feminino coa do picadiscos DJ David Moledo.

Os tiques están á venda ata o 25 de outubro no local da Cooperativa, en Casa Eladio e no bar O Campo, aínda que tamén poden mercárselle a calquera membro da comisión.

E cando en Naraío xa leven varias horas de sobremesa, en Lamas empezará o magosto -21.00h.-, que tamén promete ser de fartura. Nel serviranse liscos, chourizos ao viño, castañas, pan e viño. Para as persoas socias o prezo é de 8 euros, mentres que as non socias deberán pagar 12, mentres que os nenos e nenas menores de 12 anos cearán gratis. Tralas viandas haberá un espectáculo de maxia e conversa ata ben entrada a madrugada.

Ao sábado seguinte, o 4 de novembro, Xuntanza de Lamas tamén organiza un maratón de tute para o que fará falla xuntar un mínimo de 15 parellas. O prezo da inscrición é de 30€/parella e inclúe a cea e mailos premios que levarán as catro primeiras clasificadas.

Para anotarse no magosto do 28 e no tute do día 4 fará falla chamar aos teléfonos 637.837.541 ou 664.203.738 ou mandarlle un correo a avvlamas@gmail.com, onde tamén nos informarán sobre os horarios e as regras do maratón. Estas actividades veciñais contan coa colaboración do Concello.

A cita coa baralla de Lamas non será a única que teñamos o mes que vén, xa que a UDC Narahío tamén fixou para o día 25 de novembro a 13ª edición do seu clásico maratón para 80 parellas. Hai reservados catro premios para a clasificación xeral (1000, 400, 300 e 150 puntos), 4 para a primeira repesca (300, 200, 150 e 100 puntos) e 2 para a segunda repesca (200 e 100 puntos). O prezo da participación para cada parella é de 60€ coa cea incluída. Estes premios reduciranse proporcionalmente se non se alcanzan as 80 parellas inscritas.

O sorteo celebrarase o venres 24 de novembro a partir das 20.00h. As inscricións hai que facelas chamando ao 981 490 302 ou ao 699 228 227.

Magosto e Samaín en Naraío o 3 e 4 de novembro
E outro clásico do que temos información é o Magosto e Samaín de Naraío, que este ano se desdobra en dous días cunha completa programación para todas as idades cofinanciada pola Deputación da Coruña e tamén polo Concello a través da liña de subvencións para Cultura.

O venres 3 de novembro ás 20.00h. teremos no local social ao escritor e contacontos Anxo Moure co espectáculo “O mouro Moure e as árbores da noite do Samaín”, no que estará acompañado ao acordeón por Servando Barreiro. As lendas, a tradición, a natureza e os valores do respecto, a solidariedade e a igualdade xúntanse nesta proposta lúdica e musical recomendada para nenas e nenos, pero tamén para o resto da familia.

O programa máis denso quedou para o sábado 4, con actividades que comezan xa pola mañá e que culminarán á noitiña coa exitosa procesión do medo percorrendo os rueiros da Pena, Correlo e o Eirexado, con saída e chegada no local social da Veiga.

Así, entre as 11.00h. a 13.00h. a rapazada -e tamén os papás e mamás que queiran- poderá asistir a un obradoiro de decoración de cabazas que require inscrición previa nos teléfonos 676.336.207 e 646.502.566. As prazas son limitadas e cadaquén debe levar a súa cabaza ou melón.

Pola tarde, a partir das 18.00h., exporanse no local social as cabazas do obradoiro e tamén aquelas que queiran traer os nenos e nenas que non participasen na actividade da mañá.  Para as 19.00h. -ou quizais para algo máis tarde- O Castelo de Narahío programou a actuación do Mago Benxamín, que lle dará paso a iso das 20.00h.  á procesión teatralizada das ánimas e os defuntos.

A  ruta nocturna é, se cadra, o momento máis agardado e este ano presenta como novidade a colaboración da asociación O Aturuxo de Melpómene, que ten preparadas unha chea de sorpresas terroríficas relacionadas coa tradición e o imaxinario galego sobre o tránsito da vida á morte.  Desde a asociación animan á veciñanza a participar nesta ruta do medo con disfraces da santa compaña, de pantasma, de meiga, de lobishom… e de calquera elemento da tradición galega asociada aos ritos do outono, comúns a outras culturas atlánticas coma a irlandesa. 

O remate da noite farase de novo no local social da Veiga coa degustación  gratuíta de castañas e papas de millo e melón, seguido da queimada da “Noite do Alén” e unha repichoca popular.

O dito, ide anotando nas vosas axendas. E se sabedes de máis actividades veciñais no territorio enviádenolas a concellodesansadurnino@gmail.com para que lles deamos publicidade nesta web e nas redes sociais.

Share.