As empresas demandan mellor conectividade e prezos asequibles para o equipamento de protección

0

Quince empresas e persoas autónomas de distintos sectores acudiron na tarde deste luns ao chamamento municipal para falaren da maneira en que lles afectou e lles afecta a crise sanitaria e tamén sobre as fórmulas de colaboración que poderían impulsarse desde o Concello para minimizar os seus efectos. A xuntanza propúxose “para escoitar” as necesidades de cada actividade económica e mostrar a disposición da área de Desenvolvemento local para poñer en marcha medidas de apoio dentro das competencias municipais. Neste sentido, o Concello avoga pola dinamización baseada, máis que nas axudas directas, na promoción do comercio e dos negocios locais, no reforzo da adquisición de produtos e servizos sen saír do territorio e no asesoramento ás empresas á hora de acollerse ás liñas económicas convocadas por outras administracións competentes, como son o Estado, a Xunta ou a Deputación da Coruña.  Na xuntanza as empresas non expuxeron peticións económicas, senón máis ben a solicitude de mediación municipal para a solución de problemas comúns, como por exemplo as deficiencias na conexión a Internet ou a carestía de luvas que se está dando no mercado nestes momentos. Tamén solicitaron que se lle trasladase á poboación que os negocios locais “están facendo as cousas ben” en materia de prevención, co obxectivo de vencer retraemento do consumo de certos tipos de servizos.

O alcalde, Secundino García, abriu a xuntanza sinalando que a finalidade do encontro era “escoitar demandas” e tamén coñecer de primeira man de que maneira está incidindo a crise sanitaria sobre os distintos negocios, xa sexa porque tiveron que pechar ou porque viron reducidos os seus ingresos ou polo feito de que estivesen sufrindo retrasos na percepción de axudas estatais. O rexedor indicou, ademais, que o Concello “compensará” os recibos da auga e do lixo de aquelas actividades afectadas e durante a reunión tamén se comentou a medida de non pasar ao cobro as taxas pola ocupación do Centro Municipal de Empresas correspondentes ao período do Estado de Alarma.

Porén, Secundino García tamén indicou que desde o consistorio non se contempla a adxudicación de axudas económicas directas como as que si anunciaron outros municipios. Os motivos para non tirar por esa vía son principalmente dous: un, a falla de competencia e recursos para facelo de maneira que as achegas supoñan unha axuda realmente efectiva; e, outro, os “problemas” que podería supor a percepción de axudas económicas que se solapen con outras medidas, como son ERTEs, cesamentos de actividade, bonificacións das cotas de autónomos ou as liñas convocadas polo Estado e a Xunta.

“Dar diñeiro por dar diñeiro non é a solución”, engadiu o técnico de Desenvolvemento Local, Ignacio Fernández, quen insistiu na súa disposición para “botar unha man” na prospección de novas vías de negocio e “coa burocracia” propia da solicitude de subvencións. De feito, Fernández adiantou en primicia que a Xunta sacará “nuns días” unha liña para a dixitalización de negocios -merca de ordenadores, licenzas de software, infraestruturas de comunicacións, etc.- e outra de ata 1.200 euros e o 100% do investimento necesario para adaptar negocios ás medidas de protección da COVID-19. O técnico informou tamén  que a Xunta porá en marcha en breve unha plataforma de comercialización en liña á que poderán sumarse pemes e persoas autónomas, coa finalidade de aforrarlles os custos de crear a súa propia tenda en liña e co beneficio de concentrar a oferta de produtos e servizos nun único punto semellante a “un Amazon galego”.

O técnico municipal  sinalou neste sentido que a actual crise obrigará a “reinventarnos e adaptarnos ás novas circunstancias”, sobre todo na aposta polas novas tecnoloxías. Unha cuestión que, tal e como comentou o alcalde, “é unha débeda pendente co rural” xa que o “défice de infraestruturas (de conexión á rede) é evidente”, a pesar de que o Concello leva tempo reclamando un acceso de calidade. Niso coincidiron tamén  as empresas. A Asesoría Couce, pediu que, unha vez máis, desde o Goberno local “se presione ás operadoras para que chegue a alta velocidade”, necesaria para esa transformación dos negocios pero tamén para o ensino e a poboación do rural.

Outra das demandas expresadas polo tecido produtivo centrouse na falla de equipamento de protección, sobre todo luvas. Nestes momentos hai dificultade para aprovisionarse dese material e doutros EPIs, tal e como trasladaron desde a residencia Súa Casa e desde a clínica de fisioterapia Fisio-che-ben. O Concello -que tamén está sufrindo problemas para facerse con luvas- comprometeuse a mirar a posibilidade de concentrar a demanda dos negocios que precisen equipamento de protección, co obxectivo de garantir a subministración e a prezos máis vantaxosos.

Sen saír da área sanitaria, a clínica de fisioterapia Penamoura -un dos tres centros deste tipo que hai no municipio- puxo enriba da mesa unha realidade que ben podería ser común a outros negocios do sector: “a volta á actividade está sendo moi lenta no noso caso. A xente ten medo”. Por iso pediron apoio municipal con algún tipo de campaña ou acción de comunicación que axude a vencer reticencias lanzando a mensaxe de que se están aplicando todas as medidas preventivas e hixiénicas ou, dito de maneira sinxela “que se están facendo ben as cousas”.

O Concello anotou a suxestión para encaixala na información do boletín Novas que se envía cada mes a todos os domicilios do municipio. De feito, o nome da publicación pronunciouse varias veces como soporte de accións de dinamización que fomenten o consumo local de produtos e servizos. Tamén como plataforma para dar a coñecer ás e aos profesionais que hai no territorio. É o caso, por exemplo, das avogadas Almudena Blanco e Paula Fernández, con despacho no Centro Municipal de Empresas, quen mostraron a súa disposición para colaborar con calquera empresa á hora de solventar trámites administrativos ou laborais relacionados cos efectos da crise.

O concelleiro responsable da área de Desenvolvemento local, Manolo Varela, interviu durante a xuntanza en varias ocasións para informar das vías de colaboración con pemes e persoas autónomas que vai impulsar o Concello. Varela avoga por un apoio indirecto, baseado na promoción do “comercio de proximidade” pero tamén nunha aposta decidida da propia Administración local para aprovisionarse con subministradores do municipio -algo que xa se viña facendo- ou contando coa colaboración do tecido produtivo local en iniciativas sociais e culturais que desenvolvan os distintos departamentos. Puxo como exemplo o programa San Sadurniño en flor, onde toda a planta que se repartiu polos 140 domicilios participantes se lle mercou a viveiros locais, ademais de que os 30 premios do certame se nutrirán con lotes de produtos e bonos para xantares/ceas adquiridos a firmas do sector agroalimentario e restaurantes de San Sadurniño.

Share.