As asembleas dos orzamentos encaran a súa recta final

0

As xuntanzas parroquiais para decidir os investimentos que se acometerán o ano que vén están a piques de rematar. Van aló as de Igrexafeita, Ferreira,  Bardaos, Lamas e o Camiño Arriba, e só faltan a de hoxe en Santa Mariña, a de mañá en Naraío e a do xoves en San Sadurniño, antes da reunión final que terá lugar o venres ás 20.00h. na Casa da Xuventude para priorizar os proxectos de acordo coa súa viabilidade e urxencia. Nos encontros adóitase falar de todo un pouco e non só de obras puntuais. Na rolda deste ano os temas que máis preocupan están sendo a seca, os incendios e tamén o estado de tramitación do PXOM e maila próxima regularización catastral emprendida de oficio polo Ministerio de Hacienda y Función pública. Asuntos todos eles dos que o goberno local está achegando información puntual, ademais de intercambiar impresións sobre o funcionamento da administración nunhas asembleas ás que acudiron xa arredor de 60 persoas.

As cuestións que capitalizan as peticións veciñais son, principalmente, as referidas á conservación da rede viaria municipal. Nese caso as solicitudes diríxense a rebacheos en zonas concretas ou á reparación de tramos completos que o Concello podería levar a cabo con recursos propios ou ben por medio de programas doutras administracións como o POS+ provincial que se aprobará de forma inminente.

Neste sentido, o goberno local aproveita as xuntanzas para explicar os investimentos que se están executando estes días en 15 puntos do territorio con obras por valor de 140.000 euros, ademais do macroproxecto de urbanización do Enxerto -outros 125.000- e a previsión de executar dentro de pouco a reparación da avenida Marqués de Figueroa e a construción dunha senda peonil en Igrexafeita, por un montante total de 81.000 euros.

O executivo tamén está informando sobre o estado de tramitación do PXOM tras dous anos da súa aprobación inicial. Nestes momentos está pendente a recepción do informe de Augas de Galicia para poder entrar na fase de respostar ás máis de 400 alegacións presentadas ao documento. Porén, segundo os representantes municipais, practicamente todas as alegacións están revisadas e todo apunta a que arredor dun 80% poderán ser aceptadas. Tal e como explicou onte Secundino García na asemblea celebrada en Bardaos, a maior parte delas refírense a pequenos cambios na cualificación do solo e a ampliacións de núcleo aos que o equipo técnico de redacción “non lles ve moito problema e poderán ser aceptadas”.

O alcalde tamén informou de que a adquisición da consultora Eptisa por un grupo multinacional chinés “afectou no retraso xa acumulado ainda que afortunadamente non tivo efectos na tramitación”, dado que moitos dos planeamentos que esta empresa tiña pendentes en toda Galicia son xestionados agora polo mesmo persoal técnico a través da firma Alfonso Botana S.L. De feito, no pleno municipal convocado para este sábado inclúe entre os seus puntos o acordo coa cesión do contrato. Segundo as previsións do equipo redactor, e sempre que non haxa demoras na recepción do informe que aínda falta, o planeamento podería aprobarse “no mes de abril ou no de maio” para remitirllo posteriormente a Xunta como órgano que, en último caso, ten a competencia para darlle o visto e prace.

En relación co PXOM, desde o goberno local tamén se lle está explicando á veciñanza que ao cumprírense dous anos da aprobación inicial  “levántanse as restricións para a execución de obra maior”, de maneira que o Concello pode volver dar licenzas para novas construcións aplicando as normas subsidiarias de 1992 mentres non se aprobe definitivamente o novo planeamento.

Catastrazo
Desde o Concello tamén se adianta que en breve empezarán a chegar a San Sadurniño as notificacións remitidas polo Estado correspondente ao proceso de regularización catastral de oficio que está levando a cabo en 79 municipios galegos, entre eles o noso. Ademais , o denominado “catastrazo” tamén incorporará ás bases de datos deste organismo todas as construcións que pasen de 15 m² que non estivesen declaradas, incluso aquelas con fins agropecuarios situadas en chan rústico que ata agora non pagaban contribución.

Alén da suba no IBI -que o goberno central xa incrementou nun 10% hai cinco anos- recibir a notificación tamén supón ter que pagarlle ao Estado 60€ de taxa polo traballo da regularización máis os atrasos do imposto dos últimos catro anos. “60 euros é unha cifra de por si importante para moitas economías familiares, e se a iso se lle suman os atrasos haberá xente que seguramente teña dificultades nun momento en que a crise dista moito de estar superada”, comenta Secundino García. O alcalde lembra tamén que a regularización se fai “en base a cartografía que contén erros, dos que logo se derivan valores que non corresponden á realidade ou mesmo regularizacións de edificacións que non son tal, senón outro tipo de cousa como silos tapados cunha lona ou instalacións móbiles que parecen cabanas na foto aérea”.

Tanto para o caso dos erros como dos valores asignados polo Catastro, o Concello contratou unha asistencia técnica durante tres meses que lle dará apoio ás persoas que reciban notificacións para que poidan alegar “con toda a información dispoñible”. Incluso se prevé que esa asistencia se encargue de preparar os escritos “para que ninguén quede indefenso por non saber como cubrir os papeis”. Segundo o rexedor local, esta oficina temporal empezará a prestar servizo “tan pronto como teñamos constancia de que empezan a chegar as cartas por mor do catastrazo”.

Outras cuestións tratadas nas asembleas veciñais
As xuntanzas que se están desenvolvendo polo territorio son tamén un foro de debate para tratar outros asuntos, como por exemplo a situación da política forestal e das medidas para a prevención dos incendios ou a necesidade de  garantir o abastecemento de auga nun contexto de seca xeralizada.

Sobre a primeira cuestión, Secundino García aclara que as administracións locais “teñen competencias á hora de esixir que se corten masas que incumpren a normativa pola proximidade a vivendas, pero non teñen suficiente capacidade para facer cumprir a lei. Nin sequera municipios con Policía Local son quen de vixiar o seu cumprimento. Descárgase nos concellos unha responsabilidade inasumible por falta de persoal e pola propia realidade dos montes, con infinidade de propietarios, herdeiros ilocalizables e moitos casos particulares que converten nunha odisea o simple feito de notificarlles que teñen que ter limpos os montes, paso previo para que o Concello poida entrar na finca e limpar pola súa conta”. O alcalde vai máis aló e sitúa o problema dos incendios -provocados ou non-  “nun problema estrutural do monte alimentado pola falla de políticas de ordenación e posta en valor efectivas, xa que se destina máis á extinción que a previr e racionalizar”.

No tocante á cuestión da seca, o goberno local está explicando que nos últimos meses se estiveron facendo obras de reparación na rede municipal para evitar fugas e que o Concello está aberto a propostas veciñais que permitan abastecer con traídas comunitarias aqueles núcleos que o precisen.

As asembleas do orzamento participativo finalizan este xoves en San Sadurniño. O venres  ás 20.00h. reunirase na Casa da Xuventude a Mesa de participación veciñal, onde dúas persoas en representación de cada parroquia deberán defender as propostas xurdidas nas súas respectivas xuntanzas. Da mesa tamén sairá o listado priorizado de investimentos e outras actuacións que se incorporarán ás contas municipais de 2018.

Share.