As asembleas do orzamento participativo propoñen medio cento de ideas e proxectos

0

O Concello pechou este luns pola noite a rolda de contactos coa veciñanza convocada a participar no proceso do orzamento participativo deste ano co obxectivo de recoller todo tipo de ideas e proxectos para levar a cabo coas contas de 2019 ou ben en próximos exercicios. A de onte foi a xuntanza final, na que se poñen en común todas as propostas a xeito de recapitulación para discutir sobre a súa viabilidade técnica e económica. En total houbo 49 iniciativas, a maior parte delas centradas en reparacións localizadas na rede viaria e na ampliación de servizos públicos básicos. Porén, tamén houbo outras relativas a prestacións sociais, á mellora de equipamentos ou á preservación do patrimonio histórico. Agora o Concello verá a maneira de encaixar todas as que poida no orzamento do ano que entra, que o executivo local ten previsto levar a pleno nos próximos días. 

O responsable de Participación, Manolo Varela, sinalaba ao remate da xuntanza da Mesa do Orzamento que a grande maioría das ideas expostas nas asembleas veciñais “son pequenas cuestións puntuais, como o arranxo de baches, o reasfaltado de pistas, a limpeza viaria en zonas concretas, a colocación de colectores do lixo ou amaños nos locais sociais de titulariedade municipal”. Temas que, segundo o concelleiro, “son perfectamente asumibles polo Concello dentro do programa de mantemento anual, xa sexa con recursos propios ou acudindo a liñas financeiras doutras administracións como por exemplo o POS provincial”.

As reparacións de tramos determinados da rede viaria municipal foi un tema que se repetiu en todas as reunións, engadíndolle nalgúns casos a reposición da sinalización vertical, a petición de marquesinas ou a de beirarrúas e sendas peonís. En relación con este asunto tamén foi recorrente a demanda veciñal “dunha solución” para o impacto das sacas de madeira sobre as pistas. “É un tema moi complexo. O monte é unha fonte de recursos económicos e a madeira ten que saír por algún lado. Nos últimos anos mellorouse moito en canto ao coidado que poñen a maioría das empresas deixando limpas as pistas e as cunetas, pero aínda hai moito que mellorar e, sobre todo,  ver a maneira de que a actividade extractiva non repercuta no gasto público en mantementos e reparacións”, comenta Varela.

Malia todo, o responsable desta área -que tamén o é de Desenvolvemento local- destacou que en varias asembleas a propia veciñanza “relacionou o problema coa grave falla de ordenación que ten o monte” e que, neste sentido, “empeza a haber certo interese por poñer en marcha experiencias de xestión forestal conxunta que fagan o monte máis rendible en base á unificación das técnicas de plantación, á súa diversificación e a unha rede de pistas forestais en bo estado que facilite o mantemento do cultivo, ademais de protexelo mellor do lume. Por outro lado, a xente é cada vez máis consciente do impacto da saca da madeira nas infraestruturas públicas e ve como posible solución unha xestión integral do monte que coide tamén ese aspecto”.

Propostas para o conxunto do territorio
Alén das pistas e das obras -incluídos amaños en locais veciñais-, nas asembleas tamén se falou de cuestións que trascenden o interese da cada parroquia e que terían repercusión en todo o territorio. Así, unha das peticións presentadas atende o incremento dos límites económicos que dán acceso ás bolsas escolares, coa finalidade de que haxa máis familias que poidan acollerse a elas. Tamén se propuxo no ámbito social a ampliación do servizo de axuda no fogar.

As peticións veciñais tamén abordaron o aforro enerxético solicitando o incremento de puntos de luz con tecnoloxía de led nas principais vías de comunicación e mostraron interese en que se siga traballando na busca de solucións ao problema do abastecemento da auga en zonas onde están secando as fontes de toda a vida. Algo no que o Concello xa está traballando a través de dous proxectos que se desenvolven no Camiño Arriba e en Igrexafeita e que serían susceptibles de replicarse noutros lugares “se existe un interese real por parte da veciñanza”. As dúas iniciativas que hai en marcha baséanse en que o Concello busque auga en abundancia e de calidade e que despois sexan os veciños e veciñas -por medio da constitución dunha comunidade- quen se encarguen de facer as traídas conxuntas e da xestión da súa propia rede, seguindo un modelo que xa funciona con éxito en zonas de Pontevedra e doutros municipios da Coruña.

Por último, as asembleas tamén serviron para achegar ideas sobre a preservación do patrimonio histórico e arqueolóxico. As máis reseñables foron a de facer traballos de mantemento no palco da música de Ferreira de Abaixo, a elaboración dun informe sobre o estado estrutural da ponte medieval da Ferraría -en Naraío- ou a posibilidade de que o consistorio merque os montes onde se asentan os castros que hai identificados no territorio, co obxectivo inicial de asegurar a súa conservación para, máis adiante, poder poñelos en valor.

 

 

Share.