As alegacións a Caaveiro, até o 4 de agosto

0

Nas últimas semanas houbo cumprida información en sitios institucionais e en medios de comunicación ao respecto dos parques eólicos proxectados no territorio e tamén dos movementos contra a súa implantación. No caso dos proxectos Caaveiro e Tesouro citábase este martes 27 de xullo como último día para presentar alegacións, é dicir, 30 días habiles contados desde o día seguinte ao da publicación do anuncio de información pública  no Boletín Oficial do Estado, o pasado 15 de xuño. Porén, tal e como constatou este mediodía o Concello, o prazo de alegacións rematará o próximo 4 de agosto xa que o cómputo debe facerse desde a última publicación nun diario oficial, que foi a do pasado 23 de xuño no Boletín Oficial da Provincia.

Deste modo, e tras confirmar o dato coa Área de Industria da Delegación do Goberno, gáñanse uns días máis para achegar escritos que emenden ou rexeiten o proxecto, algo que en San Sadurniño fixeron 180 persoas a través da oficina de asesoramento aberta a semana pasada.

Moitas delas concentráronse este sábado nas Penas Louseiras para protestar contra o despregamento eólico promovido por ENEL e outras eléctricas na comarca e, nomeadamente, contra o proxecto do parque eólico Caaveiro, que abranguería os territorios de San Sadurniño, Cabanas, Neda, Fene, A Capela e As Pontes cun total de 14 muíños de grande envergadura e outras infraestruturas.

Pola súa banda, o Concello tamén rexistrou hoxe mesmo as súas alegacións, que abondan -a grandes trazos- no impacto do proxecto, na vulneración de normativa ambiental europea, nos prazos excesivamente reducidos que impedirían unha correcta defensa dos dereitos da veciñanza e no feito de que se invaden competencias autonómicas coa pretensión de instalar o parque fóra das áreas de desenvolvemento eólico.

Un extremo este último que tamén esgrime a Xunta de Galicia para informar desfavorablemente tanto este como outros proxectos de tramitación estatal que queren asentarse en territorios non definidos no Plan Eólico de Galicia. De feito, o venres á tarde a Consellaría de Industria remitiu oficialmente aos concellos afectados o seu informe, apuntando tanto esta circunstancia como a de que o P.E. Caaveiro, ademais, tamén repercutiría no espazo Xubia-Castro, incluído en Rede Natura 2000.

Tal e como comenta Secundino García, o Concello achegou unha batería de alegacións “que rexeitan frontalmente este proxecto en concreto e que anticipan a nosa postura contraria a calquera outro que se queira impulsar no futuro de costas á veciñanza. O incremento da eólica debe vir precedido dunha planificación debidamente ordenada, dimensionada de maneira obxectiva e equilibrada e co aval e a participación da sociedade”.

O escrito municipal rexistrouse hoxe mesmo, mentres que as 180 alegacións asinadas pola veciñanza a través do servizo ofrecido en Naraío xa quedaron enviadas por vía telemática o xoves da semana pasada, tal e como se informou no pleno municipal en que os tres grupos fixeron oficial o seu posicionamento contrario ao bum eólico que se vive na comarca.

Este mediodía o Concello consultou coa Área de Industria e Enerxía da Delegación do Goberno se se debía computar o prazo de 30 días hábiles desde a primeira publicación do anuncio no BOE -o pasado 15 de xuño– ou se debía tomarse como referencia a publicación no Boletín Oficial da Provincia do pasado 23 de xuño. A este respecto, desde a delegación apuntaron que o prazo válido é o contado “desde a última publicación nun diario oficial”, de maneira que o último día para alegar será o próximo 4 de agosto.

“É unha semana máis que temos para presentar alegacións, aínda que no caso de San Sadurniño a maioría delas xa estean rexistradas. Son uns días máis de marxe que pode aproveitar aquela veciñanza que aínda estea dándolle voltas a se alegar ou non, e tamén nos dá algo máis de marxe no rexistro municipal para recoller e tramitar sen apuros aquelas que poidan vir de aquí ao día 4”, comenta Secundino García.

Share.