As actividades de Brío e o encontro cabalar de Santa Mariña, outras propostas para esta longa fin de semana

0
A XXII Feira da plantación do domingo será un dos referentes do lecer dunha fin de semana que empata co festivo do luns. Porén, ademais desta cita, tamén debemos mencionar outras dúas organizadas por entidades do municipio. Concretamente dúas: a XVIII Festa do cabalo en Santa Mariña do Monte e os eventos programados para o luns por Brío para conmemorar o Día Internacional da Danza. Pero, vaiamos por orde cronolóxica.
A Asociación de Cabaleiros de Santa Mariña do Monte organiza durante toda a xornada deste sábado a 18ª edición da Festa do Cabalo. De feito, despois do encontro de Moeche este é un dos máis veteráns e concorridos de toda a volta. Trátase dun evento centrado na cultura cabalar que propón varias actividades ao longo da xornada para por a proba o adestramento das monturas e o grao de compenetración cos seus xinetes e amazonas.

Pola mañá, a iso das 11.30h. desenvolverase a marcha serrada e media hora despois a martelada. Ás 12.30h. comezarán as probas para animais trotóns cruzados e, xa pola tarde -16.00h.- tocaralle a vez ás de trote para trotóns. Ás 16.30h. está programada a actividade de marcha para trotóns e media hora despois farase a proba de galope. Como final lúdico a organización tamén preparou unha carreira de ponis e outra de burros.

O xantar a base de churrasco, pan e viño está previsto para as 13.30h. cun prezo de 10€ para persoas non socias e de balde para as socias da entidade organizadora. As inscricións nas probas abriranse ás 10.00h.

Día Internacional da Danza
Pola súa banda, o club e a asociación Brío -entidades que traballan no municipio a prol da danza e a rítmica- celebrarán o luns o Día Internacional da Danza con dúas propostas na Casa da Cultura.

A primeira é un obradoiro de Hip Hop impartido por Adrián López con dúas quendas: unha  entre as 16 e as 17h. para bailaríns e bailarinas ata 13 anos, e outra de 17.00 a 18.30 para rapazada de 13 anos en diante. Será gratuíto para as persoas socias de Brío e terá un custo de 10€ para o resto. A data límite para inscribirse é hoxe venres e cómpre ter en conta que as prazas son limitadas.

Ás 19.00h. do luns festivo comezará a segunda actividade, consistente nunha pequena festa na que se celebrará o “II Concurso de Danza Brío”. Para participar tanto no concurso como de público será imprescindible ter convite por parte dunha persoa socia de Brío e entregar a ficha de inscrición debidamente cuberta  á organización ao longo deste venres como moi tarde. O aforo é limitado e no caso de menores de idade deberá cubrirse a correspondente autorización por algún dos titores legais.
As dúas entidades de Brío -club e asociación- ofrecen máis información a través da súa páxina en Facebook, onde ademais dan conta da marcha das competicións nas que participan. Neste sentido, cómpre reseñar que o domingo varias das súas compoñentes acudirán ao V Torneo Club Maniotas II Trofeo Cidade de Vigo e que durante esta fin de semana as ximnastas Marta Fuentes -cadete- e Yara García -infantil- están en Guadalajara no campionato nacional individual de base. Todo un fito para Brío que coloca por primeira vez dúas das súas ximnastas nunha proba estatal.
Cómpre lembrar, por último, que o sábado 6 de maio a asociación e mailo club organizan o III Torneo de Ximnasia Rítmica Brío no que participarán 29 clubs de toda Galicia e arredor de 400 rapazas e rapaces. O evento celebrarase no pavillón municipal coas competicións escolares a partir das 10 da mañá e as de promoción e base das 16.30h. en diante.
Share.