Arranca o programa Espazos das familias

0

Espazos das familias é un programa socioeducativo co que se pretende que as familias con nenos e nenas de entre 0 e 3 anos compartan un tempo e un espazo común fóra da casa para xogaren coas criaturas e para aprenderen algo máis sobre a educación nas primeiras etapas da vida. Trátase dun proxecto que herda o cometido do desaparecido Preescolar na casa  no que se reflexiona sobre a educación infantil con asesoramento especializado e co intercambio experiencias. A iniciativa impulsada polo Concello comezou este mércores a súa sexta edición cun total de 11 inscricións. Os obradoiros desenvólvense cada quince días na casa da Cultura.

Espazos das familias vai dirixido a familias con nenos e nenas de entre 0 e 3 anos, unha etapa da infancia na que a rapazada empeza a descubrir o mundo e na que se empeza a formar a que será  a súa personalidade futura. As sesións perseguen que os pais e nais aprendan todo o que hai que saber sobre o crecemento infantil, sobre a necesidade de que todo o nucleo familiar se implique no labor educativo dos novos membros e, máis que nada, sobre como levar a cabo unha crianza dos nenos e nenas responsable e igualitaria.

Estes obradoiros  forman parte do Programa de Educación familiar impulsado polo Concello, que é quen asume o servizo desde 2011 con apoio da Deputación da Coruña.  Nesta edición participan 9 familias con 11 nenos e nenas, a maior parte delas de San Sadurniño.

A actividade é gratuíta e terá unha frecuencia quincenal con obradoiros de hora e media de duración os mércores pola tarde, posto que nesta ocasión non se formou grupo para as mañá.. Na primeira xuntanza celebrada este mércores á tarde falouse sobre a programación de actividades previstas para este ano, que comprenderán tanto xogos na Casa da Cultura como excursións temáticas.

O obxectivo de Espazos das familias é favorecer o desenvolvemento psicomotriz dos nenos e nenas ademais da creatividade e da socialización. Neste sentido, aos pais e nais tamén se lles facilitan algunhas claves da educación que se deben ter en conta dentro da familia, ademais de insistirlles na importancia do seu exemplo como referente dos nenos e nenas.

Share.