Aprobada a integración de San Sadurniño no proxecto que impulsará o Xeoparque do Ortegal

0

Cerca dunha hora e corenta minutos investiu a corporación municipal en debater os 14 asuntos incluídos no pleno ordinario deste mes de novembro. Foi unha sesión tranquila en canto a debate e mesmo houbo varios puntos de consenso unánime e outros -os máis- que saíron adiante co apoio de BNG e PSOE e a abstención do PP. Entre os de maior trascendencia executiva estiveron o da aprobación definitiva do inventario de bens municipais, a integración na comunidade formada canda outros municipios e a Deputación da Coruña para impulsar o Xeoparque do Ortegal e a modificación de varias partidas orzamentarias para mover 42.000 euros con destino a programas da área de Cultura e Deportes. A carga dialéctica concentrouse en boa medida no último tercio do pleno, cando se debateron as dúas mocións presentadas polo BNG, unha relativa aos incendios e a política forestal e a outra sobre a devolución do pazo de Meirás, que incluiu a declaración como persoas non gratas á familia Franco e á fundación que leva o nome do ditador, ademais de demandar que sexa o concello de Sada quen xestione as visitas ao inmoble como xeito de vincular o pazo coa recuperación da memoria histórica e a reparación das vítimas do franquismo.

Trala aprobación da acta da sesión anterior, o alcalde volveu facer o chamamento para a incorporación da concelleira electa polas filas do PP Cristina Calvo Tuimil que, nesta ocasión, tampouco ocupou o seu escano. O portavoz popular, Manuel Romero, explicou que Calvo -quen se atopa traballando no estranxeiro- andivo a semana pasada por San Sadurniño con intención de acudir ao pleno e asumir o cargo no pleno que debería terse celebrado o sábado 4, pero que debeu pospoñerse unha semana ante a imposibilidade de dispor de todos os expedientes por causa da ausencia do secretario municipal.

De feito, o posto na sesión deste sábado ocupouno Mónica Cibreiro como secretaria accidental quen deu conta en primeiro lugar de varios acordos e resolucións, entre os que destaca o de fixar os festivos locais do 2018 no martes de entroido -13 de febreiro- e no luns 2 de xullo, Santa Isabel.

Deseguido tratouse a adhesión municipal á Historia Social Única Electrónica impulsada pola Xunta e a Fegamp que permitirá xerar informes sociais normalizados e máis completos  aos que as distintas administracións poderán acceder de forma instantánea. Segundo o goberno local, a HSUE axilizará, entre outras, a tramitación e o intercambio de información referente á renda de inserción social, as solicitudes de axuda á dependencia, etc. Tanto este punto como o seguinte, relativo á desafección dun camiño público en Campolabrado -Naraío- obtiveron o apoio unánime da corporación.

A sexta cuestión da orde do día centrouse na aprobación definitiva do inventario de bens municipais que, tal e como lembrou o goberno municipal, tivo unha fase de exposición oficiosa de dous meses para que as persoas interesadas fixesen achegas e, tras unha primeira tramitación plenaria, permaneceu exposto ao público de forma oficial durante 45 días.

Iso si, antes da votación -que se saldou co voto favorable do BNG e as abstencións de PP e PSOE- tamén se propuxo desestimar a única alegación presentada ao documento, referida á propiedade da finca sobre a que se asenta a estación depuradora municipal da Agra.

Os argumentos que amparararon a desestimación foron varios, como o feito de que o terreo se rexistrou no Catastro a nome do Concello en 1986, que a infraestrutura xa fora incluída no inventario de 1995 sen que daquela houbese oposición algunha por parte da familia que agora reclama a través do avogado -e tamén parte interesada- Fernando Barro Sabín e, por último, que en 1999 tanto o alcalde daquel entón como o secretario municipal certificaron que o predio era de propiedade municipal. Ademais, segundo o Concello, non existe referencia algunha no rexistro da propiedade a que a titulariedade lle corresponda á reclamante nin tampouco constan pagamentos da contribución ao seu nome.

O PP suxeriu que se agardase a que o secretario municipal se reincorpore ao traballo para emitir un informe ao respecto. Unha petición rexeitada polo goberno local xustificada en que “hai elementos suficientes para non deixar en suspenso a aprobación”.

A unanimidade volveu durante a votación sobre a creación dun ficheiro de datos denominado “videovixilancia” que é obrigatorio por lei antes de poñer en funcionamento a alarma que hai instalada no Concello. O sistema incorpora varias cámaras que, segundo se explicou na sesión, só activarían a gravación no caso de que saltase a alarma por unha vulneración da seguridade das dependencias municipais.

Noutra orde de cousas o pleno tamén lle deu o  prace á cesión do contrato de asistencia técnica do PXOM despois de que a consultora EPTISA -adquirida recentemente por unha multinacional chinesa- decidise pechar a súa división de planeamentos. Foi a propia empresa quen acordou pasarlle o traballo de San Sadurniño e doutros municipios galegos á firma Alfonso Botana S.L., formada polo mesmo equipo técnico que antes estaba en EPTISA. Na sesión informouse de que a cesión do contrato non variará o prezo final do labor de consultoría e asistencia técnica na tramitación e que, ademais, conta co visto bo da Dirección Xeral de Urbanismo por ser a solución máis viable para os case 30 municipios na mesma situación.

Antes de entrar no apartado da integración de San Sadurniño no programa de impulso ao Xeoparque do Cabo Ortegal, os membros da corporación debateron sobre a creación do regulamento de acción social pactado co persoal laboral municipal dentro do convenio colectivo, que prevé incorporar unha partida de 4.000 euros para que os traballadores e traballadoras contraten un seguro privado. O regulamento quedou aprobado cos votos favorables de BNG e PSOE. O PP abstívose.

Con respecto á participación municipal na preparación da candidatura á UNESCO para obter o distintivo de xeoparque no Ortegal achegouse a proposta de que  San Sadurniño participe  no proxecto xunto con Moeche, Cariño, Cerdido, Valdoviño, Cedeira, Ortigueira e a Deputación da Coruña. A iniciativa xestionarase a través dunha comunidade de servizos consorciados, é dicir, sen crear unha entidade nova, senón que serán os propios municipios quen leven directamente o proxecto, adscribindo persoal e contando co apoio provincial cunha achega de 500.000 euros e asesoramento técnico. Haberá un consello de dirección con dous representantes de cada concello e unha presidencia rotatoria anual que inaugurará Cerdido.

O xeoparque busca por en valor o patrimonio xeolóxico dos municipios como un elemento máis de desenvolvemento local. O PP optou por absterse aducindo que esta figura traerá limitacións para o uso do chan. Un extremo rexeitado polo equipo de goberno, que insistiu durante todo o debate en que o xeoparque “non terá afeccións urbanísticas” no futuro. Neste sentido desde as filas do BNG pedíuselle ao portavoz popular “que non se sementen dúbidas” entre a veciñanza xa que o xeoparque “non vai ter incidencia” sobre os usos do chan. O punto saiu adiante cos votos de BNG e PSOE. O PP abstívose de novo.

Esta parte do pleno para deliberación e acordo rematou coa proposta dunha modificación de crédito -mover partidas de onde sobran cartos a outras onde fan falla- por valor de 42.000 euros que irán destinadas a programas da área de Cultura e Deportes e de Desenvolvemento local. O PP estivo de acordo coa modificación pero non coas partidas de onde se sacan os cartos, por estar relacionadas con cuestións como a promoción e mellora do sector forestal -os populares aseguraron que non se gastara nada nesta partida-, emprego e servizos sociais. O grupo de goberno puntualizou que este ano si se fixeran actuacións relacionadas co ámbito forestal ofrecendo charlas en todas as parroquias para promover a xestión sustentable e compartida dos montes. Tamén aclarou que os cartos “para emprego” son, en realidade, unha partida correspondente ao salario da orientadora laboral, quen leva varios meses en excedencia. O punto prosperou co voto favorable do grupo de goberno, a abstención do PSOE e o rexeitamento do PP.

Mocións do BNG
Xa de cheo nas mocións, o BNG achegou en primeiro lugar unha proposta baixo a epígrafe de “Contra os lumes forestais e polo desenvolvemento rural” na que demanda políticas de desenvolvemento  que revertan o abandono do agro e dos montes, que se consensúen modificacións legais para a posta en valor do monte en base a un aproveitamento diversificado e oposto ao monocultivo de especies pirófitas, o establecemento dun protocolo e un mando único de emerxencias que eviten a descoordinación dos medios de extinción e, por último, que a Xunta asuma as súas responsabilidades en materia de prevención.

Na exposición de motivos o Bloque responsabilizou ao PP de “desmantelar” as medidas neste ámbito impulsadas durante o bipartito e criticou que o goberno de Feijoo rexeite o diálogo para abordar unha “reforma estrutural” do monte. O portavoz do BNG acusou ao goberno do PP de estar “ao servizo de grandes empresas como ENCE” e de trasladarlle competencias  aos concellos en materia de prevención  que non van acompañadas de finanzamento. Pola súa banda, o PP reafirmou o argumentario do goberno da Xunta asegurando que o ocorrido a mediados de outubro “era incontrolable” dadas as circunstancias climáticas, ademais de insistir na intencionalidade dos incendios. Romero enumerou as 30 medidas anunciadas polo goberno galego para atallar o lume.

Medidas que, tal e como lembrou Suso Soto, “aínda non están aprobadas”. O concelleiro asegurou que o PP “non quere falar de ordenación forestal, non quere ir á raíz do problema. Fala de terrorismo incendiario. 35.000 hectáreas queimadas e só hai 2 persoas maiores detidas, unha que queimou unha hectárea facendo uns chourizos e outra que queimou dúas hectáreas porque lle escapou o lume duns rastrollos. Pero, ¿que pasa cos incendios que non son intencionados?¿que pasa co lume que veu de Portugal?” cuestionouse Soto. O edil do Bloque cargou tamén contra a política de crear brigadas nos concellos cualificándoa como “unha irresponsabilidade” posto que, segundo Soto, están formadas por “persoal sen formación” en materia de extinción, ademais de ser “un sistema de colocación de amigos”.

A moción saiu adiante cos votos favorables do BNG e do PSOE e a postura en contra do PP. Na seguinte moción, centrada na recuperación do Pazo de Meirás e no desenvolvemento dunha lei galega de Memoria histórica, o Bloque e o PSOE volverían xuntar unha aínda máis folgada maioría para facer valer o contido resumido en cinco puntos: declarar persoas non gratas á familia Franco e á fundación que leva o nome do ditador -xestora na actualidade das visitas ao pazo-, a adhesión ao acordo adoptado polo pleno de Sada instando á Xunta para que sexa este concello quen asuma as visitas guiadas -garantindo así unha información veraz sobre a historia do inmoble-, instar tamén ao Estado para que se fagan modificacións legais que permitan ilegalizar á Fundación Francisco Franco, adherirse á iniciativa “Xunta pro devolución do Pazo de Meirás” -impulsada pola Deputación, a Universidade da Coruña, a Comisión pola Recuperación da Memoria histórica da Coruña, a Iniciativa galega pola memoria e os concellos da Coruña e Sada- e, como remate das solicitudes, instar á Xunta de Galicia para que se elabore unha lei galega da memoria histórica “na que se prohiban, persigan e sancionen os actos de exaltación do franquismo e as entidades que o promoven”.

O PP -que se abstivo- sinalou que a Xunta xa sancionou á familia Franco polo incumprimento do rexime de visitas guiadas e rexeitou a posibilidade de que o inmoble se merque ou se expropie, “algo que non sería entendible pola sociedade galega. A cesión non foi voluntaria e non podemos permitir que os galegos paguen dúas veces polo pazo”. A este respecto, Romero pediu “un estudo xurídico” en colaboración coas universidades para que o edificio pase ao patrimonio público “respectando á lei”. Suso Soto coincidiu en que a compra e a expropiación non serían opcións, asegurando que  “sería rocambolesco financiar con cartos públicos os acaudalados petos da familia Franco por algo que no seu día foi roubado e toda a vida financiado con fondos públicos”. Segundo Soto, a vía para lograr o retorno do pazo é “buscar o que haxa que buscar para que se acredite que houbo accións no seu día que conlevaron a usurpación dos terreos e recuperalos para os seus lexítimos propietarios xunto co edificio”.

Pasadas as mocións entrouse no apartado de rogos e preguntas.  O PP presentou como rogo que se anchease “se é posible” a calzada do Enxerto que, segundo asegurou Manuel Romero, “queda moi estreita”. O alcalde desmentiu ese extremo indicando que o espazo que irá aglomerado “é exactamente igual ao que había, 4,75m”, aínda que neste momento “mentres non se acaba a obra” pareza que é menor. Secundino García mesmo lle lanzou un convite a Romero: “podes coller unha cinta métrica e medir, porque o ancho é o mesmo”.

O PP preguntou tamén cantas “baixas laborais, traslados e castigos” hai no Concello. Unha cuestión á que Secundino García respostou que “nestes momentos” só habería unha persoa de baixa laboral por motivos de saúde e que, nunha plantilla de 40 persoas, “o índice de absentismo é baixísimo”. O alcalde tamén explicou que hai unha persoa “expedientada por unha falta moi grave” e que o goberno municipal “non lles vai dar ningún premio ás persoas que cometen unha falta grave, vailles facer cumprir a lei”. Tamén aclarou que hai unha traballadora en comisión de servizo nun concello veciño e que, en calquera caso, está xa iniciado o procedemento de contratación para ocupar a vacante temporal.

A sesión rematou preto das dúas menos vinte da tarde e sen que desta vez houbese intervencións do público asistente.

 

 

 

Share.