Anxo Santomil revela os segredos da fotografía 3D

0

Conseguir unha fotografía que pareza ter profundidade malia ser unha imaxe plana é algo ben doado. Non fai falla ter unha cámara cara, abonda cun móbil. Tampouco se requiren complexos programas de procesado dixital, chega con dar uns cantos pasos no PIXLR Editor, que é gratuíto e nin sequera fai falla instalalo no ordenador. Nin sequera son necesarios grandes coñecementos de fotografía, aínda que algo da técnica si hai que saber, anque tampouco moito. O máis importante para empezar a facer fotos en 3D é saber como funciona o noso cerebro percibindo imaxes e como podemos enganalo para facerlle crer que o que ve no monitor ou no papel é unha escena tridimensional, coma a vida real. Diso falou esta mañá o experto Anxo Santomil no obradoiro ofrecido dentro da programación do VI Chanfaina Lab, que arrancará oficialmente esta mesma tarde coa recepción dos realizadores e realizadoras participantes na presente edición.

Santomil non só falou da teoría, senón tamén da práctica e do doado que é hoxe facer “anaglifos”, é dicir, un tipo de imaxe de dúas dimensións que é capaz de provocar en quen a mira o efecto de que teña tres, incorporando ao largo e ancho tamén a sensación de profundidade. Os anaglifos son un tipo de estereograma -visión en estéreo- e conséguense empregando dúas cámaras situadas unha de par doutra cunha separación semellante á que teñen os ollos entre si.

O truco consiste en sacar dúas fotos que parecen iguais pero que, en realidade, teñen ángulos lixeiramente distintos. Logo, co ordenador ou co revelado en papel, as imaxes superpóñense unha sobre da outra axustando a súa separación e dándolle a cada unha dominantes de cor cian e vermella. O resultado é unha foto borrosa e con colores desfasados… pero cando poñemos uns lentes cun filtro vermello no ollo esquerdo e outro azul para o ollo dereito, óbrase a maxia: a foto vese con cores naturais… e en tres dimensións.

En internet hai unha chea de exemplos deste tipo de foto e tamén tutoriais para facermos a nosa. Porén, sempre é mellor alguén coma Anxo Santomil que nos vaia guiando paso a paso e que mesmo nos explique como lograr este efecto empregando un único teléfono móbil.

Esta mañá, tras un repaso á teoría, el e as persoas participantes no obradoiro fixeron probas na praza do antigo Concello. Sobre un trípode caseiro colocábase o teléfono, sacábase a foto correspondente ao que vería o ollo esquerdo e logo desprazábase horizontalmente entre 5 e 8 centímetros para repetir a imaxe co que se percibiría polo ollo dereito. Feito isto, as dúas fotos combináronse no ordenador usando o PIXLR Editor, aplicáronselles os filtros de cor e… voilà: foto con efecto 3D conseguido, aínda que para ver o resultado fixesen falta uns lentes de papel ben baratos.

Arranque do Chanfaina
O obradoiro de Santomil púxolle o ramo á parte formativa da edición deste ano do Chanfaina Lab. Hoxe á tarde arranca a parte fílmica coa chegada de participantes -41 en total-, quen recollerán o material de guía a partir das 17.00h. na Casa da Cultura. Logo, sobre as 18.00h. baixarán á Casa do Concello para a recepción oficial e para as explicacións sobre o desenvolvemento do encontro. Será nese momento cando se faga a foto de grupo e, posteriormente, plantarase no arboreto da Cortiña unha moreira conmemorativa desta sexta edición.

O programa para hoxe complétase ás 20.30h. -de novo na Casa da Cultura- coa “Eira de cineastas”, na que se farán as presentacións de cada asistente e na que tamén se proxectarán fragmentos ou pezas enteiras representativas das súas respectivas obras. O coloquio e mailas proxeccións son con entrada libre. Mañá e mailo domingo serán días de gravación por todo o territorio, aínda que ás 20.30h. haberá unha nova cita na Casa da Cultura para o pase gratuíto do filme “Hamada”, de Eloy Domínguez Serén.

Share.