Ángeles Castro e Amador Pena ganan a proba absoluta da VI Carreira popular Concello de San Sadurniño

0

A celebración das eleccións municipais chuchou case toda a actualidade informativa deste domingo 26 de maio no que San Sadurniño tamén celebrou unha multitudinaria carreira popular con máis de 800 inscricións. Houbo probas para todas as idades, aínda que foi o trazado absoluto de 5 Km. o que máis expectación ergueu no entorno do paseo fluvial e da área industrial da Bidueda. Os primeiros postos feminino e masculino ocupáronos Ángeles Castro -cun crono de 19.16- e Amador Pena, quen cruzou a meta nun tempo de 15 minutos e 51 segundos. O primeiro nome de San Sadurniño que atopamos na clasificación -e primeiro na categoría Sub 20 masculina- foi o do triatleta Juan Rejas Gabeiras -recente campión galego por equipos contra reloxo-, quen completou o trazado en 16.32.

O día foi perfecto para correr. Amenceu con ceo cuberto e unha temperatura máis ben fresca que aguantaría ata practicamente o mediodía, cando o sol mudou o ambiente nun recalmón un chisco pegañento. Comentábano dous participantes da carreira absoluta, dicindo que na segunda volta a Intasa se botaba de menos unha pouquiña auga para mollar a boca e incluso para refrescarse, xa que ía máis calor da que parecía á saída.

A popular de San Sadurniño son en realidade varias carreiras, como é habitual neste tipo de concentracións deportivas pensadas para público afeccionado a correr e familiar que acode para testar os seus progresos nunha disciplina que está multiplicando ano a ano o número de practicantes.  Pouco despois das 11 da mañá déuselle a saída ás probas SUB 14 e SUB 12 masculinas e femininas sobre un trazado circular de 800 metros arredor do arboreto da Cortiña. Logo partiu a absoluta e, tralo seu remate, pasadas as pasadas as 12.45h., desenvolvéronse as probas para as nenas e nenos máis pequenos: SUB 10, Pitufos e Biberóns.

Foi tal a participación nestas categorías que a organización optou por dividir a rapazada en grupos e facer ata tres saídas separadas en cada unha delas, buscando con iso que non houbese aglomeracións que case sempre resultan en caídas.

Coa última carreira -a das nenas e nenos nados en 2014 e 2015- e un sol que picaba con firmeza, abriu unha pequena paréntese para consultar os datos da clasificación, ao tempo que se preparaba a zona de podio para a entrega de trofeos. Nela participaron as responsables municipais de Cultura e Deporte e de Igualdade -Sabela Cinza e Ana Belén Breixo-, Secundino García e o dúas veces olímpico Andrés Díaz, padriño desta edición da popular. Os premios: medallas para toda a rapazada, trofeos para quen gañase nas categorías competitivas e a tradicional empanada para os equipos, que ademais levaron vales de 100 euros doados polo Mesón A Granxa e O Muíño do Pepe.

Recolleron trofeos unha chea de nomes locais: Juan Rejas e a súa nai, Clara Gabeiras, Irene Galdo -1ª SUB 14- e as irmás Inés e Irene Arroyo, Antía López, Mateo Couce, Catalina Rodríguez -1ª SUB 16- e Candela Salgado. A clasificación completa pode consultarse aquí.

Share.