Andrés Fernández presenta a súa renuncia como concelleiro

0

O número dous da lista do Partido Popular ás eleccións municipais, Andrés Fernández Graña, rexistrou este martes no Concello a súa renuncia ao cargo de concelleiro da corporación. No escrito Fernández aduce razóns persoais para deixar o seu posto que, de acordo coa normativa electoral, deberá ser ocupado pola seguinte persoa da lista popular. En calquera caso, será no próximo pleno -previsiblemente o do mes de maio- cando se faga oficial a renuncia e se inicie o procedemento perante a Xunta Electoral para cubrir a vacante.

A solicitude de renuncia causou certa sorpresa no goberno municipal xa que, segundo explicou o alcalde, “a nova corporación aínda non cumpriu o ano de vida”. Con todo, Secundino García engadiu que a marcha de Fernández Graña atende a “unha decisión persoal que merece todo o respecto”.

Unha vez rexistrada a solicitude de renuncia, o pleno municipal deberá tomar coñecemento oficial e comunicarllo á Xunta Electoral xunto co nome do substituto ou substituta de Fernández Graña, que se designará seguindo a orde da lista coa que o PP concorreu ás municipais de maio de 2015.

De acordo coa lista electoral, a vacante correspóndelle María Belén Trigo Meizoso que, no caso de aceptar a proposta da Xunta Electoral, tomará posesión na seguinte sesión plenaria. Se non aceptase, o pleno debería tomar de novo coñecemento da cuestión e propoñer o seguinte nome da lista. O Partido Popular ten nestes momentos tres escanos dunha corporación con 11 representantes.

Share.