“Ana” deixa pequenas incidencias na rede viaria e, sobre todo, auga

0

Pasados xa os momentos máis intensos da primeira grande borrasca da temporada, agora toca facer balance dos danos provocados polo vento e a auga nas últimas horas. A cicloxénese explosiva Ana foi puntual á cita prevista polos servizos meteorolóxicos e concentrou a maior parte da súa forza na tarde do domingo e comezos da madrugada deste luns. A estación meteorolóxica do colexio público rexistrou un refacho de vento de 95 km/h. ás 20.30h., mentres que no alto de Racamonde os anemómetros do parque eólico chegaron á cifra de 130 km/h. media hora despois. En San Sadurniño, segundo a información da que dispón o Concello, producíronse algunhas caídas de árbores e pólas sobre a vía pública que obrigaron a cortar circulación en varios puntos.

Os primeiros avisos déronse sobre as 20.00h. por árbores na estrada que une O Piñeiro e O Pico, en Naraío, e na do Carbeiral, en Bardaos. No primeiro lugar un grande piñeiro deitouse sobre a pista sen chegar a caer, sostido unicamente pola súa copa apoiada nunha árbore do outro lado da estrada. No caso de Bardaos foi un grande tocón medio podre o que sucumbiu á forza do vento, atrancando coas pólas o eixo viario do Carbeiral. O Concello deixou libres ambas pistas arredor das 22.00h.

A área de Servizos mantivo durante todo o día un retén preparado para atender calquera incidencia que se producise e, ademais, o goberno local tamén fixo varias roldas de inspección desde pola mañá. Na primeira, iniciada sobre as 10.00h., os efectos do temporal eran aínda escasos, tendo en conta que o forte se agardaba para a tarde. Con todo, si se atoparon pólas que cumpriu retirar e tamén lugares onde as follas e a ramalla tiradas polo vento represaron a escorrentía das cunetas, forzando que a auga e a lama invadisen a calzada.

Foi na rolda da tarde, xa entre fortes refachos de vento e trebóns permanentes, cando se viron os efectos máis evidentes do mal tempo: pistas cubertas de follas e outros restos vexetais, anacos de pólas -e pólas enteiras- voando e, máis que nada, auga, moita auga. De feito, Ana trouxo vento, pero tamén unha chuvia moi necesaria para aliviar a seca. A estación meteorolóxica do CPI anotou ata as 9 da mañá de hoxe unha precipitación cercana aos 50 litros por metro cadrado.

O temporal continuou durante a noite e esta mañá saltaron novas alertas polos seus efectos. En concreto a brigada municipal tivo que despexar as pistas das Filgueiras -Camiño Arriba- e a da capela da Esperanza, en Santa Mariña. Nos dous casos houbo que desviar o transporte escolar. Tamén se produciu un aviso a primeira hora por causa dunha árbore deitada na pista que une Fontao co Piñeiro, en Naraío. A media mañá tamén quedou restablecido o paso na pista que une Vilanova coa Corveira, en Bardaos, así como a subministración eléctrica en Ferreira de Abaixo.

Share.