Ampliado ata o 20 de marzo o prazo de solicitude de participación en Vacacións en paz

0

Vacacións en Paz é un proxecto de acollida temporal de nenos e nenas saharauís durante os meses de xullo e agosto coa finalidade de contribuír ao desenvolvemento deste pobo exiliado e á mellora da calidade de vida e da educación intercultural dos seus menores. O Concello leva anos colaborando con esta iniciativa impulsada pola entidade Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS) que acaba de ampliar ata o 20 de marzo o periodo de solicitude para familias que queiran ser acolledoras de nenos e nenas do Sahara o próximo verán. Este trámite pode facerse no departamento de Servizos Sociais, onde tamén nos ampliarán información e detalles do programa.

Vacacións en Paz conta coa axuda económica da Xunta de Galicia, das familias acolledoras e, ademais, co apoio de concellos e deputacións. San Sadurniño e a asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS) queren facilitar, un ano máis, a  acollida de nenos durante os meses de xullo e agosto de 2017 e por iso xa está aberto o periodo de inscrición no programa.

Trala ampliación do prazo en mes e medio máis, as familias interesadas teñen até o 20 de marzo  para sumarse ao proxecto que, para a SOGAPS, non só supón un compromiso co coidado da rapazada acollida, senón tamén exercer “unha especial sensibilización” coa causa deste pobo confinado en boa parte en campos de refuxio de Alxeria.

Cómpre dirixirse aos Servizos Sociais do Concello ou chamar ao teléfono 981 490 027 ext. 1. para que nos expliquen en que consisten os trámites, xa que ademais da solicitude hai que achegar outra documentación que acredite a aptitude da familia.

A viaxe dos nenos e nenas desde o Sahara corre por conta da Xunta, mentres que serán as familias quen asuman a súa mantenza durante os meses do verán. Por outra banda, as familias acolledoras tamén deberán colaborar economicamente co funcionamento do programa Vacacións en Paz 2017 cunha cantidade total de 240 €, que poderán aboarse en 12 cotas mensuais de 20 €, a través de dous ingresos de 120 € ou mediante un pagamento único.

Share.