Ampliación de prazos tributarios da Deputación da Coruña

0

O Boletín Oficial da Provincia publicou este 28 de abril que o inicio do prazo de pagamento voluntario do IVTM e Taxas diversas comezará o 4 de maio e finalizará o 1 de setembro. Por outra banda tamén se reflicte que ata o 30 de maio de 2020 non se ditarán providencias de prema, non se practicarán embargos, non se autorizarán nin celebrarán poxas nin tampouco se executarán garantías. Tamén quedan suspendidos durante ese prazo os expedientes de aprazamentos e fraccionamento de débedas. Neste sentido indícase no BOP que se abrirán os expedientes das solicitudes que entren, suspenderanse os valores e prepararanse os requirimentos de documentación. As propostas resultantes tramitaranse despois do 30 de maio.

Para os procedementos iniciados antes do 18 de marzo non se computará a efectos de prazos a data comprendida entre ese día e o 30 de maio. De igual maneira tamén se amplía ata o 30 de maio o período para practicar liquidacións, autoliquidacións, providencias de prema e demais actos que dean lugar a un pagamento e que xa estivesen notificados, pero que aínda non tivesen rematado o prazo a día 18 de marzo.

Tampouco se cargarán en conta até o 8 de xuño as ordes de domiciliación dos prazos e fraccións de aprazamentos e fraccionamentos xa concedidos.

Toda a información -un total de 12 medidas- pode consultarse desde aquí.

Para calquera dúbida ou consulta, a Deputación mantén aberto o Servizo de Atención ao Contribuínte a través do teléfono gratuíto 900 132 204 e do email atencion.tributaria@dacoruna.gal, así como a Oficina Virtual Tributaria (https://www.dacoruna.gal/servizos-tributarios/oficina-virtual/) na que se poden realizar trámites, consultas e xestións as 24 horas do día, os 365 días do ano.

Share.