Alumnado do CPI e Concello súmanse ao Friday for Future, o venres contra o cambio climático

0

Este venres 15 de marzo, a mocidade de todo o planeta mobilizarase de novo ante o cambio climático a través da iniciativa Fridays for Future.  O CPI  de San Sadurniño e mailo Concello queren sumarse a este movemento global do 15M e por iso o alumnado de Educación Infantil, Educación Primaria e o primeiro curso de Secundaria, así como a Escola Infantil Municipal A Rolada, concentraranse ás 12.00h. na praza do antigo Concello con consignas de concienciación sobre o quentamento global e o futuro do planeta. Despois da lectura dun manifesto, cada aula plantará unha árbore ao longo da Avenida Marqués de Figueroa. En total poranse 14 pés de Prunus Royal Burgundy Tree de grande vistosidade que, desde ese momento, adornarán o principal eixo urbano de San Sadurniño. 

A iniciativa internacional Fridays for Future -Venres polo Futuro- botou a andar en agosto de 2018, cando  Greta Thunberg -unha moza de 15 anos- sentou fronte ao parlamento Sueco todos os días durante tres semanas para protestar contra a falla de acción institucional ante a crise ambiental que sofre o mundo. A súa iniciativa alcanzou unha repercusión global a través de Instagram e Twitter e, neste ano, Greenpeace fixo súa a convocatoria dunha acción mundial que comeza este venres, co obxectivo de que a mocidade se implique no freo do cambio climático.

As fórmulas son varias, con folgas durante todo o día, paros puntuais e, coma no caso de San Sadurniño, accións reivindicativas que se desenvolverán desde o mediodía.  A esa hora haberá unha concentración e a lectura dos lemas cos que a rapazada fai unha chamada de atención sobre a necesidade de preservar o planeta. Logo plantaranse as árbores que, máis adiante, o Concello colocaralles no pé unhas plaquiñas coas frases escritas polos nenos e nenas, como lembranza da súa achega a este 15 M.

A semana que vén, o xoves día 21 -día en que arranca a primavera-,  plantaranse outras tantas árbores con motivo do Día Internacional dos Bosques, fixado nese día pola ONU desde 2013. Nesa ocasión sumaranse á iniciativa o alumnado da ESO e outros colectivos de ámbito municipal. O Concello decorará o entorno da praza do antigo Concello con mensaxes similares ás preparadas pola rapazada do colexio.

Tanto este venres 15 como o xoves 21, o tráfico na avenida Marqués de Figueroa estará regulado pola Garda Civil e por persoal do Concello mentres dure a plantación.

A concelleira de Medio Ambiente, Amparo Calvo, sinala que estes eventos relacionados coa educación ambiental pretenden “unirse ao berro da rapazada e a mocidade nunha cuestión tan importante” como é o futuro do planeta. A concelleira engade que a idea de sumarse ao Friday for Future partiu do colexio público e que o Concello “non dubidou en apoiala” xa que, segundo Calvo,  “a xente nova é máis sensata que nós e está máis comprometida, e a menos que cambiemos, tamén será a ela a quen lle toque poñerlle remedio ás consecuencias de todo o que se está facendo mal neste momento. É necesario escoitar o que nos din e tomar nota, quen veñen aí  detrás de nós quere un mundo distinto ao que lle estamos deixando”.

No movemento Friday for Future #FFF xa se implicaron 1325 lugares de 98 países. En Galicia haberá accións en Ourense, Porriño, Vigo, A Coruña, Ares, Ferrol e San Sadurniño.

Share.