Alumnado da UDC coñece as experiencias de participación social promovidas en San Sadurniño

0

Unha vintena de mozas e mozos canda ao seu profesorado estiveron esta mañá en San Sadurniño para coñeceren de primeira man as accións de participación veciñal que se teñen posto en marcha no municipio, como son o proceso do Orzamento participativo ou a web Fálame de San Sadurniño. Trátase de alumnado que cursa o Mestrado en Políticas sociais e Intervención sociocomunitaria que se imparte na Facultade de Socioloxía da Universidade da Coruña. Durante a visita percorreron as instalacións do Concello e tamén se achegaron á zona da Cortiña para ver o arboreto e a horta de conservación de froiteiras, ademais de asistiren a unha pequena charla ofrecida por Ignacio Fernández, Carmen Suárez e Manolo Varela na que se contextualizou a realidade do territorio e do traballo desenvolvido en participación social.

Tal e como explica Laura Cruz, docente UDC, a elección de San Sadurniño non foi casual, senón que responde á necesidade de atopar exemplos de entidades que afonden dalgunha maneira “en procesos participativos, que promovan a convivencia, a mellora e o desenvolvemento local”.  Neste sentido, Cruz sinala que San Sadurniño foi “dos primeiros a nivel galego [en implantar un orzamento participativo]e é unha experiencia no rural, algo que achega carácter propio. Queríamos coñecer esa experiencia para vinculala cos elementos que traballamos na materia”.

Alén do Orzamento participativo, o grupo tamén se interesou por outras accións, como o impulso municipal á conservación e recuperación de variedades de froita tradicionais e, sobre todo, a maneira en que se foi construíndo o proxecto Fálame de San Sadurniño, no primeiro caso como “traballo de dimensión comunitaria” e no segundo como exemplo “da implicación do pobo na recuperación da memoria desde unha cartografía emocional, ao tempo que se aprenden novas tecnoloxías”.

De todo isto falaron o técnico de Desenvolvemento local, Ignacio Fernández, a responsable da Aula CeMIT, Carmen Suárez, e o concelleiro do ramo Manolo Varela. Empezou Fernández abordando a realidade territorial e social de San Sadurniño como concello do rural que acusa un avellentamento da poboación que non é tan acusado coma noutros do interior galego. Un concello que basea as súas estratexias nesa realidade e tamén no aproveitamento do seu potencial endóxeno vencellado ao ambiente e á sustentabilidade.

Pola súa banda, Carmen Suárez repasou a historia de Fálame de San Sadurniño como un proxecto virtual que recolle o pasado e o presente do municipio sustentado polas achegas da veciñanza e que, en certo modo, funciona coma unha rede neuronal na que se entretece a memoria colectiva trasladada logo á internet.

O último en intervir foi Manolo Varela explicando o funcionamento e obxectivos do Orzamento participativo, pero tamén do regulamento de participación co que San Sadurniño se dotou para habilitar mecanismos de intervención veciñal na toma de decisións públicas.

Para o profesorado da UDC que se encarga de titorizar o mestrado en Políticas sociais e Intervención sociocomunitaria, San Sadurniño “é un exemplo pouco habitual” que agora os alumnos e alumnas analizarán dentro do seu programa de estudos.

Share.