Alberto Lobelle aproxímase á mirada humana na cuarta estrea virtual do Chanfaina ‘Lab

0

O encontro audiovisual Chanfaina Lab do pasado mes de setembro deu de si unha chea de propostas que en varios casos fían boa parte do contido á experimentación. As imaxes falan por si suxerindo significados que, de tan abertos á interpretación, poden mesmo non coincidir co que o autor ou autora pretendía transmitir. A linguaxe cinematográfica ten ese poder, o de facer que cadaquén interprete ao seu xeito o que ve, aliñándose ou non coa idea que se pretende transmitir ou mesmo atopando ideas novas a través da plasticidade da imaxe. Algo de todo iso ocorre con “Estudo para rostro humano”, do monfortino Alberto Lobelle, onde se reflicte dun xeito distinto a paisaxe de San Sadurniño. Mellor dito, unha das moitas paisaxes humanas que poden atoparse en San Sadurniño. O director puxo diante da súa cámara de 16mm a cinco xeracións de mulleres dunha mesma familia -si, cinco: avoa, filla, neta, bisneta e tataraneta-. O seu rostro e mailos seus xestos naturais son o único que enche a pantalla, pero tamén o que suxiren as súas miradas. Partimos da inocencia infantil, pasamos logo á vitalidade da aínda mocidade e, despois, a medida que a cámara remonta as tres últimas xeracións, vemos como os ollares se tinguen de experiencia. O profesor Manolo González glosa deste xeito a peza en Fálame de San Sadurniño:

O lugués Alberto Lobelle, (Monforte de Lemos, 1976) formouse na Escola de Imaxe e Son da Coruña (EIS). Alterna o seu traballo profesional en series de televisión, anuncios, documentais e filmes coa realización de obras de marcado carácter independente e autoral. En 2011 dirixe a súa primeira longametraxe “Matisse se escribe con dos eses”, seleccionada en Documenta Madrid e Al Jazeera International Documentary Film Festival, entre outros festivais. En 2015, a súa mediametraxe “Den Pobedy: Día da Vitoria”, realizada con material atopado, ten a súa estrea mundial no FIDMarsella. O seu último filme “Paisaxes da Capelada” estreouse no Documenta Madrid 2017, onde acadou o Premio á Mellor Fotografía.

Alberto Lobelle e Óskar López (o seu compañeiro neste proxecto) achegáronse ao Chanfaina Lab coa cámara de cine en 16mm, acompañados tan só da vontade exploradora na paisaxe humana de San Sadurniño.

A procura levounos ata cinco xeracións de mulleres da mesma familia: avoa, filla, neta, bisneta e Sophía, a cativa tataraneta: “sempre é difícil falar sobre cómo chegan a nós as ideas, máis intentarei explicarme. Levaba dende hai anos querendo usar os primeiros planos dunha maneira distinta ao habitual no cinema -probablemente por influencia da pintura e porque en “Paisaxes da Capelada” só traballei con planos xerais-, mais tamén quería aproveitar a variable temporal, que tan importante é no cinema, para provocar cambios na percepción do espectador conforme se prolongan os planos. Salientaría como principais influencias a Rembramdt, Virxilio Viéitez e os “Screen-test” (probas de cámara) de Andy Warhol. Para min era importante que os meus protagonistas fosen de distintas xeracións para xogar tamén con esa variable temporal (o tempo dos planos, pero tamén o tempo da vida). Despois de deixar repousar o proxecto, e moi probablemente debido á miña inminente paternidade, vin que o gran potencial estaba en gravar a unha mesma familia, para inscribir tamén na curtametraxe a variable da vida, unha unidade superior á suma das partes.”

En “Estudo para rostro humano” Alberto Lobelle tenta expresar cómo o cinema pode chegar a debullar no inaprensible, no imperceptible, en algo tan etéreo como o devir do tempo a través do rostro humano. “A miña idea principal era falar do paso do tempo e de como a vida nos vai moldeando por dentro e por fóra; de aí que filme a cinco xeracións dunha mesma familia -¿funcionaría como filmar á mesma persoa a distintas idades?-. Era fundamental amosar esas sutilezas e eses pequenos detalles nos trazos, nas expresións; por iso traballamos con primeiros planos a cámara lenta; ademais, ensinamos o dispositivo de gravación porque nos parecía importante pór de manifesto como se interfire no entorno cando se grava e como as persoas que están detrás da cámara determinan o punto de vista de calquera obra audiovisual.”

Os rostros destas cinco mulleres de Naraío e mailos seus xestos naturais son o único que enche a pantalla, pero tamén agroma o que suxiren as súas miradas. Partimos da inocencia infantil, pasamos logo á vitalidade da aínda mocidade e, despois, a medida que a cámara remonta as tres últimas xeracións, vemos como os ollares se tinguen de experiencia e sabedoría. Unha apaixonante viaxe polo ciclo permanente da vida humana.

Share.