Aínda quedan dúas sesións de “Xogando polas parroquias”

0

O Concello ofertou para este mes de xullo varias actividades ao aire libre relacionadas co exercicio. Así, durante a semana desenvólvense sesións de ximnasia nos xardíns municipais e, ademais, tamén se organizou un programa itinerante polas distintas parroquias dirixido á rapazada de entre 8 e 16 anos. Quedan dúas citas, unha este mesmo xoves en Naraío e outra o próximo martes en San Sadurniño. As familias con cativería que queira sumarse aos xogos que lles proporá David Guiñazú só teñen que chamar ao 647 491 371. As sesións empezan ás 11 e rematan ás 12.30h. 

O técnico deportivo municipal está desprazándose polas parroquias os martes e xoves para organizar xogos tradicionais e cooperativos que se desenvolven nas pistas polideportivas ou ao pé dos locais sociais.  Empezou en Bardaos, logo pasou por Ferreira, despois achegouse a Igrexafeita, Lamas e Santa Mariña e agora só quedan por celebrar os encontros de Naraío e San Sadurniño.

Neles poderán participar as cativas e cativos de entre 8 e 16 anos en grupos de non máis de 15 persoas, priorizando que todas sexan da parroquia onde teña lugar a actividade. Recoméndase que a cativería leve gorra, protección solar e un botellín de auga. Tamén se aconsella o uso de mascarilla -aínda que se procurará manter sempre as distancias para que non sexa necesaria- e o Concello levará xel hidroalcólico. Por último cómpre lembrar a obriga de que as nenas e nenos usen mascarilla.

Para sumarse a esta iniciativa tamén fará falla inscrición previa chamando ao 647 491 371. Así, este xoves 23 de xullo, o “Xogamos polas parroquias” desenvolverase na pista da Veiga, en Naraío, e o martes da semana que vén, día 28, o programa completarase nos xardíns municipais.

Curso de ciclismo en agosto
Ademais destas actividades e das que se organizan dentro da Aldea de verán, o Concello tamén preparou un curso de bicicleta destinado a nenas e nenos de 6 a 12 anos en colaboración co club Biela e Chaveta. Trátase dunha actividade de iniciación centrada no manexo e nunha condución segura. Equilibrio, inicio da marcha e detención, xiros a baixa velocidade… pero tamén uso do casco e doutras proteccións, circulación pola estrada, preferencias de paso…, todo para que as nenas e nenos monten en bicicleta con total confianza e respectando as normas que rexen para vehículos e peóns.

O curso terá lugar nos xardíns municipais -se chove trasladarase ao patio cuberto do CPI- todos os martes e xoves de agosto entre as 10.45 e as 12.15h. É totalmente gratuíto e fai falla inscribirse enviando cuberta a ficha de solicitude a agustin.perez@sansadurnino.gal  Cómpre levar bici -obvio- e tamén casco. O curso empeza o 4 de agosto.

Share.