Agora máis que nunca, reduzamos, reutilicemos e reciclemos… e non deixemos as bolsas ao pé do colector

0

Un dos efectos secundarios do confinamento que están corroborando todos os concellos da volta é o de que nos fogares se está xerando máis lixo do habitual. Se botamos máis tempo na casa tamén parece lóxico que produzamos máis resíduos, aínda que non tería por que ser así se aplicasemos -agora máis que nunca- a norma dos tres R: reducir, reutilizar e reciclar. Por outra banda, desde a área de Servizos informan de  que nalgúns puntos se están deixando bolsas do lixo ao pé dos colectores en vez de botalas dentro. Isto xa non se podía facer antes e agora, na situación na que estamos, menos aínda. Ah, outra cousa, ata nova orde está suspendido o Servizo de recollida de Voluminosos.

As bolsas cos resíduos hai que pechalas ben e introducilas no colector correspondente, preferiblemente a noite anterior a que pase pola nosa zona o camión da recollida. E se o colector xa está cheo, pídese á veciñanza que se aproxime ao que lle quede máis próximo, sempre que iso non implique un desprazamento importante.

Porén, para optimizar o funcionamento do servizo o ideal é concienciarse aínda máis cos tres R’s REDUCIR, REUTILIZAR e RECICLAR co que, ademais, estaremos facilitando o traballo do persoal de recollida e o posterior tratamento dos resíduos. É importante reciclar no fogar toda a parte orgánica que se poida e quen poida -compostando, botándolles as sobras ás galiñas e outros bichos etc.-, posto que é a fracción que máis pesa na bolsa e a que antes se descompón.

Outra repercusión do confinamento son as múltiples limpezas xerais que se están facendo en moitas casas como medida hixiénica, pero tamén como maneira de pasar o tempo e de ter entretida a toda a familia, especialmente a máis miúda. Nesas limpezas aprovéitase para desfacerse daqueloutro moble vello sen uso, para tirar a vella tele “de cú” relegada a un recuncho pola smart-tv e para amontoar unha chea de tarecos inservibles que son carne de Punto Limpo.

Sen embargo, non vai poder ser agora posto que o Servizo de recollida de voluminosos está suspendido ata nova orde. Nestes momentos en que cómpre optimizar os recursos humanos e técnicos dispoñibles, o Concello -e moitos concellos arredor de nós- consideraron que a recollida domiciliaria de voluminosos é unha tarefa importante pero non a máis urxente. Polo tanto, mentres dure a actual situación non se anotarán máis avisos e, sobra dicilo, pregámoslle á veciñanza que non deposite entullos nin outros voluminosos ao pé dos colectores ou da vía pública.

Normas hixiénicas en fogares con positivos ou en corentena
O Boletín Oficial do Estado publicou unha serie de directrices para xestionar aqueles resíduos que se produzan en domicilios con algunha persoa contaxiada ou que se encontren en corentena. Por sorte, de momento -e que nós saibamos- en San Sadurniño non hai ningunha persoa afectada pola COVID-19. E se a houbese, esta deberá permanecer nunha habitación para si e sen contacto co resto da xente que viva na casa, adoptando aquelas persoas que o atendan unhas estrictas medidas de protección.

Os residuos do paciente, incluído o material desbotable utilizado pola persoa enferma (luvas, panos, máscaras), hanse de eliminar nunha bolsa de plástico -bolsa 1- nun cubo de lixo disposto na habitación, preferiblemente con tapa e pedal de apertura, sen realizar ningunha separación para a reciclaxe.

A bolsa de plástico -bolsa 1- debe pecharse adecuadamente e introducirse nunha segunda bolsa de lixo -bolsa 2-, á beira da saída da habitación, onde ademais se depositarán as luvas e máscara utilizados pola persoa coidadora, e pecharase adecuadamente antes de saír da habitación.

A bolsa 2, cos residuos anteriores, depositarase co resto dos residuos domésticos na bolsa de lixo -bolsa 3- correspondente ao cubo de fracción resto.

Inmediatamente despois realizarase unha completa hixiene de mans, con auga e xabón, polo menos 40-60 segundos. A bolsa 3 pechada adecuadamente depositarase exclusivamente no contedor do  lixo xenérico (o verde)

O manexo domiciliario dos residuos en fogares sen positivos ou corentena, recoméndase realizalo coma sempre: separando correctamente e depositando cada bolsa no colector que lle toque. Importante: as luvas de látex ou nitrilo empregados para outros usos non deben depositarse no contedor de envases lixeiros (amarelo), senón no do xenérico.

Share.