Adxudicadas as obras para reparar varias pistas en Lamas e Naraío

0

A plataforma de contratación do Concello ten en marcha nestes momentos tres procedementos referidos a obras de reparación en algo máis de 6,5 quilómetros da rede viaria municipal. O prezo conxunto en que están orzamentados os tres proxectos aproxímase aos 208.000 euros, que o Concello financiará con cargo ao POS+ provincial e ao Plan de Mellora de Camiños Municipais de acceso a parcelas agrícolas da AGADER. Dous dos programas encóntranse en fase de avaliación, mentres que o terceiro, dirixido ao arranxo de varias pistas en Lamas e Naraío, acaba de adxudicárselle en 55.209,08 euros a José No Mantiñán e Hijos Construcciones S.A. 

O proxecto adxudicado e cuxo contrato xa está formalizado denomínase “Ensanche e pavimentación dos camiños de Vilar, Piegolongo, Penacastrelo, Vilarxá e O Furado” e ten un prazo máximo de execución de catro meses desde a sinatura da acta de replanteo da obra.

No caso de Lamas repararase a pista que une o Vilar con Felgosa (1.310 m) e a que enlaza este eixo con Piegolongo (380 m), preto do límite con Moeche. Ademais, sen saír de Lamas, tamén se reasfaltará a pista de Penacastrelo (240 m) e aproveitarase para botarlle unha nova capa de saburra a un camiño de 225 m de lonxitude que vai desde este núcleo até o Chao.

En Naraío, os traballos incluídos neste proxecto servirán para reparar o acceso a dúas vivendas en Vilarxá  (225 m) e para sanear o primeiro tramo da pista que sobe até o Furado  desde a ponte sobre o Castro. Son 350 metros de forte pendente e unha curva pronunciada onde nos últimos tempos se foron acumulando desperfectos cada vez máis profundos que requiren unha solución inmediata.

O contrato licitouse en algo máis de 57.500 euros e a el concorreron tres empresas, sendo a oferta máis vantaxosa a presentada por José No Mantiñán e Hijos Construcciones S.A., quen rebaixou o prezo de saída en 2.300 euros. Trala sinatura da adxudicación agárdase que a obra poida comezar en cuestión de días.

Outras obras viarias a piques de adxudicarse
Ademais deste proxecto, o Concello tamén está a punto de publicar na plataforma de contratos co sector público a adxudicación doutros dous paquetes de obras de mellora da rede viaria.

Un deles é o denominado “Pavimentación de camiños na Pereira, a Veiga, as Calvelas e Cornide” co que se arranxarán catro pistas de Santa Mariña, Bardaos e San Sadurniño que suman no seu conxunto algo máis de 2,5 quilómetros de trazado. O orzamento ascende a 70.712,25 euros, impostos incluídos, para renovar o firme asfáltico na pista da Pereira ao Cal (440 m) e desde a Veiga ata o límite con Valdoviño (1.560 m). A estrada das Calvelas (410 m) e, por último, a mellora dun camiño en Cornide de 145m levaranse a cabo con aglomerado.

A outra actuación que seguramente se publique como adxudicada nestes días é a “Pavimentación e mellora dos camiños de A Fraguela (Naraío) e O Chao de San Cristovo (Ferreira)”. A licitación ascende neste caso a 79.592, 81€, IVE incluído, cos que se levarán a cabo dúas obras acollidas ao Plan de camiños da AGADER, que reserva para San Sadurniño unha achega de 65.780€ cofinanciados con fondos europeos.

En Ferreira vaise volver asfaltar a pista do Chao de San Cristovo -575 m- e cabe recordar que o Concello ten outro proxecto xa preparado (que se financiará co POS+ Adicional) para reparar a pista con aglomerado desde a capela ata a Chabola, construíndo ademais unha senda peonil.

A obra prevista en Naraío permitirá continuar aglomerando a conexión da Longra coa antiga estrada das Pontes. O ano pasado levouse a cabo o tramo a Longra-Riolimpo e Riolimpo-O Castelo. Agora, coa achega da AGADER, seguirase subindo desde O Castelo até o lugar da Fraguela (900 m), de maneira que xa só quedaría pendente de executar o último segmento, comprendido entre a Fraguela e a Rampla.

Share.