Adxudicadas as obras da potabilizadora do Camiño Arriba

0

O Concello iniciará nos próximos días a construción dunha nova estación de tratamento de auga potable ao pé da pista polideportiva do Camiño Arriba, en Lamas, logo de que a empresa Guerreiro Somozas S.L. resultase adxudicataria da obra por un importe lixeiramente superior aos 34.000 euros. O proxecto responde a unha demanda veciñal exposta no proceso do orzamento participativo e con el búscanse solventar os problemas de abastecemento que se dan na zona, ademais de facilitar a conexión dos domicilios a un acuífero con todas as garantías en canto a calidade e salubridade da auga. As obras fináncianse con cargo á liña non competitiva do Fondo Ambiental, que se nutre en toda Galicia do canon que pagan as empresas eléctricas con aeroxeradores instalados no territorio. 

A obra consistirá na construción dunhas instalacións que conten, por unha banda, con equipamento de captación e tratamento da auga e, pola outra, con capacidade de almacenaxe suficiente. Neste sentido, a nova ETAP levará no seu interior un sistema de bombeo que chuche a auga desde 25 metros de profundidade, proveniente dun río subterráneo atopado con axuda dun experto de COXAPO, a entidade que aglutina boa parte das comunidades de augas veciñais de Galicia. A potabilizadora disporá, ademais, de elementos de filtraxe e de clorado, así como de dous depósitos cunha capacidade conxunta de 50.000 litros.

Todo este equipamento irá aloxado nunha caseta situada ao pé da pista polideportiva do Camiño Arriba. A edificación irá embutida literalmente no ribazo do monte anexo, de maneira que desde fóra só se verá unha pequena parede coa porta de acceso, mentres que o resto das instalacións quedarán ocultas no propio terreo. A empresa adxudicataria do proxecto construtivo ofertou un prazo de execución de 75 días, polo que se estima que a estación potabilizadora podería estar en orde de funcionamento para comezos do outono.

Logo virá a segunda parte, a da construción dunha rede de abastecemento e a conexión dos domicilios da zona. O Concello baralla dúas posibilidades. A primeira é preparar unha memoria valorada da rede que será necesaria e que despois sexa a veciñanza quen se encargue de construila e xestionala por medio dalgunha fórmula asociativa, como podería ser unha comunidade de augas. A segunda opción é que o Concello se encargue directamente do sistema de condución aos domicilios, co que as persoas usuarias terían un servizo semellante ao que hai na zona urbana. A elección dunha fórmula ou outra será algo que se consensúe coa veciñanza, a quen xa se lle adiantaron ambas posibilidades nun encontro mantido o pasado mes de marzo.

En calquera caso, e tal e como destacou o alcalde, Secundino García, as instalacións que se empezarán a construír en breve “veñen solucionar un problema de desabastecemento que se agravou moito nos últimos anos por causa do descenso das chuvias”. Ademais deste inconveniente, García tamén sinala o da mala calidade da auga detectada en varias traídas particulares provenientes do monte da Pena Escrita, debida segundo parece a pozos que non dispoñen de respiradoiros nin elementos filtrantes, pero tamén á penetración de raíces dos eucaliptais próximos e á proliferación de microorganismos. Circunstancias que desaconsellan en moitos casos consumir a auga sen antes tratala de forma axeitada e razón pola que o Concello, en colaboración coa veciñanza, “buscou unha maneira de garantir auga de calidade e en abundancia, e cunhas instalacións que cumpran a normativa sanitaria e de Augas de Galicia”.

6.881 euros máis do Fondo Ambiental
O proxecto fináncianse coa parte co Fondo Ambiental, que se distribúe entre aqueles concellos que teñen no seu territorio parques eólicos, tomando como principal referencia a potencia e o número de andaravías instaladas.

O fondo conta con dúas liñas, unha non competitiva na que os municipios reciben unha cantidade fixa e outra competitiva, que funciona presentando proxectos de corte ambiental para os que despois pode obterse ou non subvención dependendo da puntuación que obteñan. San Sadurniño accedeu este ano tamén a esta liña cun proxecto a medias con Moeche para a adquisición dunha máquina hidrolimpadora de beirarrúas. O investimento total anda nos 10.500 euros dos que a axuda do Fondo Ambiental cobre cerca de 6.900, o 65%.

 

Share.