Adxudicada en 169.800 a última fase de consolidación do castelo de Naraío

0

A Mesa de contratación do Concello finalizou hai escasos días a valoración das propostas técnicas e económicas para levar a cabo as obras de consolidación do castelo de Naraío. No proceso xulgáronse catro ofertas achegadas por outras tantas empresas construtoras e, finalmente, foi Desarrolla Obras y Servicios S.L. quen resultou adxudicataria do contrato por un importe de 169.871,90 €.  Os traballos consistirán na retirada da capa vexetal do promontorio, o afirmado dos accesos e de algunhas partes da estrutura e a colocación de varandas que permitan visitar a fortaleza con total seguridade. Porén, unha das actuacións máis destacadas será a construción dunha estrutura no interior da torre da homenaxe que levará ao punto máis elevado do castelo. Os traballos están cofinanciados pola Deputación -80%- e polo Concello -o 20% restante-, mentres que a Xunta asumiu os custes de redacción do proxecto, que estará dirixido polo arquitecto José Antonio Alonso.

Desde as anteriores intervencións, acometidas entre 2007 e 2011, no castelo o único que se fixeran foran labores de roza cada certo tempo e pouco máis. E é que as obras que se planificaran inicialmente en varias fases quedaron truncadas pola recesión económica. Ata tal punto foi así que a empresa adxudicataria dos últimos traballos encargados non chegou a completalos ao cento por cento e mesmo deixou no entorno distintos materiais empregados na obra, acometida a instancias da Xunta de Galicia.

En 2015 e 2017 o Concello mantivo reunións con responsables do goberno autonómico solicitando a continuación da posta en valor da fortaleza. Naqueles encontros arrancouse o compromiso da Consellería de Cultura de preparar o proxecto técnico para unha terceira fase de consolidación, aínda que sen achega económica para as obras propiamente ditas. Aí entrou en xogo Deputación da Coruña, quen facilitou o 80% dos cartos necesarios por medio dun convenio suscrito co Concello o pasado mes de decembro. O ente provincial reservou unha partida de 151.000 euros e o Concello outra de 37.500 -procedente dos remanentes de 2017-, mentres que a Xunta se fixo cargo dos custes do proxecto arquitectónico e da dirección de obra.

Esta terceira grande actuación consistirá, a grandes trazos, na limpeza preparación dos accesos con escalinatas desde o punto máis baixo do rochedo onde se asenta o castelo, acompañadas de elementos que lle dean seguridade ás visitas tanto no camiño principal como nos sendeiros que rodean os distintos niveis dos muros.

A idea é acondicionar un itinerario circular desde a porta principal que, ademais, tamén permita ver partes hoxe ocultas debido á acumulación de entullos de derrumbamentos ou polo amoreamento de materiais das obras anteriores. Outro dos obxectivos do proxecto é rematar a consolidación dos paramentos aos que non se lles tocou na primeira e máis na segunda fase.

Canda estes traballos xerais -que irán precedidos de prospeccións arqueolóxicas-  tamén se farán outros que contribuirán a poñer en valor todo o conxunto como enclave turístico. E é que o proxecto deseñado polo arquitecto José Antonio Alonso -quen xa definira as anteriores intervencións-  contempla encaixonar en madeira tratada o andamio exterior que comunica a base da torre coa porta situada a media altura da fachada sur. A partir dese punto, e xa no interior, armarase unha segunda estrutura con catro alturas que permitirá seguir subindo ata o punto máis alto do castelo.

O obxectivo deste novo conxunto de escaleiras e plataformas é, segundo xustifica o arquitecto, que se poidan apreciar aspectos construtivos como cornixas, fiestras e arranques de arquerías que doutro xeito non se poderían ver. Ademais, tal e como cita Alonso no proxecto, chegar á cima do torreón permitirá entender a razón de ser da fortaleza, colocando ás persoas que a visiten no lugar desde onde se vixiaban os arredores na época medieval.

Ademais de divisar parte do val do Castro, desde o alto tamén se ven mellor os rochedos do Saíme e o marcado desnivel do río, que conforman un dos puntos de interese do Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal. De feito, a fortaleza de Naraío érguese ao carón da falla xeolóxica que vai desde As Pontes até Campelo, en Valdoviño, e na confluencia entre o bloque granítico do Forgoselo e os terreos sedimentarios que se extenden cara ao norte.

Última fase de consolidación, pero non a última intervención no castelo
O procedemento de contratación dos traballos publicouse o pasado mes de marzo. Valoráronse catro ofertas -unha delas en baixa temeraria- e, finalmente, a adxudicataria resultou ser a construtora Desarrolla Obras y Servicios S.L. por un importe próximo aos 170.000 euros. O prazo máximo de execución do traballo son dous meses.

Segundo comenta o responsable de Desenvolvemento local, Manolo Varela, a obra “vén continuar un proceso de recuperación que quedou parado durante demasiado tempo”. O concelleiro indica que esta nova fase servirá para “mellorar considerablemente” a accesibilidade e a seguridade do recinto, ademais de ser un “importante avance” no coñecemento dun castelo “excepcional desde o punto de vista arquitectónico e histórico”.

Varela avanza que, unha vez finalizada a intervención adxudicada hai escasos días, o Concello ten intención de promover unha cuarta e definitiva fase para a que xa se está buscando finanzamento. Esta última actuación estaría centrada tanto en aspectos de rehabilitación construtiva como de interpretación “de todo o que aínda esconde o castelo”, xunto co seu papel como punto de entrada surleste do Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal.

 

Share.