Admitidas todas as solicitudes para a quenda de agosto da Aldea de Verán

0

O Concello publicou este xoves a resolución correspondente ás solicitudes de admisión na Aldea de Verán para o mes de agosto, nas que se incluíron novas peticións e outras que quedaran pendentes de entrar no mes de xullo por estar cuberto o cupo. De cara a este segundo mes do programa socioeducativo aceptáronse o total de solicitudes, de maneira que serán 33 nenas e nenos os que participarán nun completo programa de lecer e aprendizaxe relacionado coas artes e a expresión corporal.

Tal e como informan desde a área de Igualdade, para a quenda de agosto da aldea houbo 11 solicitudes de novo ingreso e 2 casos en que se pedira para xullo e agosto pero que quedaran fóra por non haber prazas. As 20 prazas restantes ata completar as 33 confirmadas ocuparanas pequenos e pequenas que xa fixeran durante o mes de xuño a reserva para os dous meses que dura o programa.

Do total de participantes, 14 pertencen a familias empadroadas en San Sadurniño ou con algunha relación laboral co municipio, 8 teñen matrícula no CPI. Os 11 restantes proveñen doutros concellos e acceden á Aldea de Verán por existir dispoñiblidade de prazas non cubertas sobre un total de 45 vacantes ofertadas.

A Aldea de Verán desenvólvese este ano co nome “En corpo e arte”, que resume o fío condutor de todas as actividades das que desfrutará a rapazada participante, traballando o tema das artes en relación coa expresión corporal e o movemento. A través do xogo e da interacción entre si, a cativería de entre 3 e 12 anos toca a arquitectura, a escultura, a pintura, a música, a literatura, a escrita literaria, a danza e o cine. De feito, xa está confirmado que ao longo deste verán producirán unha pequena peza que poderemos ver na Eira de Cineastas do Chanfaina ‘Lab que arranca a primeiros de setembro.

A base operativa da aldea é o ximnasio do CPI de San Sadurniño, lugar que acolle a maior parte das actividades, aínda que os xogos tamén se trasladarán a outros lugares próximos como a piscina municipal, a Casa da Cultura, os xardíns do pazo e incluso se farán excursións fóra do municipio.

As familias admitidas, agás aquelas que xa o fixesen,  deberán formalizar a partir de agora o pagamento do programa e presentar no Concello o recibo do ingreso xunto con outra documentación necesaria, principalmente a relativa a autorizacións de recollida dos e das menores e outra que figura nas bases. Ademais, a área de Igualdade convocou para o luns 30 de xullo ás 19.00h. unha xuntanza informativa que terá lugar no salón de plenos do Concello. As familias poderán entregar na reunión os papeis que falten por achegar.

Listado de admisións para a quenda de agosto da Aldea de Verán
Ficha de solicitude e información sobre a adxudicación de prazas (.pdf)
Autorización
Cuestionario médico

Share.