ADIF promove o expediente de expropiación forzosa para as obras de estabilización dun tramo de vía en Lamas

0

O Boletín Oficial do Estado deste luns e o Boletín Oficial da Provincia deste martes publicaron o anuncio do Ministerio de Transportes relativo á información pública do expediente de expropiación forzosa dos predios afectados polas obras de estabilización da trincheira da vía férrea Ferrol-Xixón á altura do quilómetro 18, que cadra en liña recta nas entremedias do Albeiro e Bouzarrara. O proxecto, cualificado por ADIF como “urxente”, vén motivado por dous desprendementos de pedras e terra que se produciron hai algo máis dun ano e que obrigaron a interromper o servizo durante varios días. Agora, a administradora ferroviaria instou ao ministerio para que incoase o expediente expropiatorio de cara a dispor dos terreos sobre os que incidirán as obras. Son 1.844 metros cadrados distribuídos en 6 parcelas, cuxas afeccións andan entre os 62 e os 523 metros cadrados. As persoas interesadas teñen desde hoxe un prazo de 15 días hábiles para consultar a información e presentar as alegacións que estimen oportunas perante a Dirección General de Planificación y Evaluación de la Red Ferroviaria. O anuncio, a memoria e o anexo de expropiacións poden descargarse desde aquí.

O anuncio ministerial xa avanza que a incoación do expediente de expropiación forzosa conleva a declaración de utilidade pública e a necesidade de ocupación dos bens afectados de maneira urxente, habida conta de que vai máis dun ano desde que se produciron os desprendementos e, tal e como indica o informe, córrese un “risco real” de que volvan producirse “afectando á seguridade de persoas ou vehículos que circulen pola vía”.

Así, ADIF -quen xa someteu a información pública o proxecto en maio pasado– prevé sanear un dos ribazos da trincheira pola que discorre o ferrocarril  modificándolle a xeometría para que teña un ángulo menor -razón pola que fará falla coller máis terra colindante- e, ademais, tamén reforzará todo o sistema de protección existente na actualidade.

En calquera caso, a administradora de infraestruturas ferroviarias vai precisar 1.844 metros cadrados ao longo dunha faixa paralela á vía de 310 metros de distancia que toca as cabeceiras de seis predios dedicados case todos a eucalipto. Ao que máis expropiaranlle 523 m² e ao que menos colleranlle 62 m². No documento publicado por ADIF recóllense os planos e referencias catastrais, así como os nomes das persoas que figuran como titulares.

No BOE e no BOP dánse 15 días hábiles contados desde hoxe mércores para presentar alegacións. Ademais, a Dirección Xeral de Planificación e Avaliación da Rede Ferroviaria tamén lle remitiu unha resolución ao Concello para poñer no seu coñecemento a apertura do prazo de información pública, pero tamén para que este lle dea cumprida publicidade no tablón de anuncios físico e dixital.

A comunicación tamén fai as veces de notificación pública sobre o acto de levantamento das actas previas á ocupación das parcelas, que está fixado para a mañá do día 16 de decembro nas dependencias municipais.  Malia o anuncio público, a Dirección Xeral tamén llo comunicará individualmente ás persoas que figuran como titulares dos bens e dereitos afectados polas obras.

Share.