Adeus ao mestre gaiteiro Antón Varela

0

O gaiteiro e mestre da escola municipal de música tradicional, Antón Varela, faleceu en Ferrol este martes 25 de xullo. Artesán, músico e compoñente de formacións tan coñecidas como Raparigos, Berros do Castro ou Os Cempés, Varela marcha con 61 anos, tras loitar sen éxito contra un cancro que o foi achicando pouco a pouco sen conseguir quitarlle o sorriso nin o porte gallardo dos gaiteiros de raza. Un dos últimos actos públicos aos que asistiu foi hai escasamente un mes. O pasado 25 de xuño estivo presente no peche das escolas de música de San Sadurniño para ver as evolucións do seu alumnado, do que se encargaba desde 2016 o seu discípulo Marcos García. Antón -ou Tonecho, como era coñecido pola xente máis próxima- será soterrado esta tarde ás 19.00h. no cemiterio municipal de Catabois.

A prensa local fíxose eco desde onte ao mediodía do pasamento, publicando unha chea de obituarios nos que se repasan datos sobre a vida e obra dun home alleo ao conformismo. Un tipo que pola música e por vivir ao seu aire deixou de ser funcionario de Correos e incluso mestre electricista da Bazán, algo “para o que non vale calquera”, como el mesmo repetiu centos de veces.

Nacera en Canido un 17 de xaneiro de 1956, en plena rúa Insua que, daquela, debía ser un universo en si mesmo a medio camiño entre o mariñeiro, o obreiro, o labrego e o Ferrol de tableta de chocolate e certo cheiro a alcanfor duns metros máis abaixo.  Un microcosmos, en resume, que seguramente influiu na formación dun carácter tranquilo que zumegaba ferrolanismo -do bo- por todos os poros, entendendo ferrolanismo como esa mestura de orgullo de ser de onde se é  sen pecharse a nada nin a ninguén que veña de fóra.  Unha esencia que só se aprecia nas rúas ou, mellor aínda, arredor dunha tapa e un chato nalgunha tasca de toda a vida.

Quizais por iso o seu taller -primeiro na rúa San Francisco e logo na rúa Magdalena- foi un lugar de paso e parada obrigada para todo tipo de persoeiros -músicos ou non- que, como nunha botica cunqueiriana, alí entraban para amañar unha buxa, engadir unha ronqueta, afiar unhas tesouras, encargar unha gaita ou, simplemente, pàra gozar da parola retranqueira e parsimoniosa que Antón sempre ofrecía.

Luthier de mérito, Antón aprendeu co vello Seivane e despois montouse por si coa bagaxe de ser xa un gaiteiro reputado que mimaba a madeira e a interpretación. Facía gaitas de calquera tonalidade posible, núas de innecesarios adobíos e caracterizadas pola elegancia e a limpeza do son. Características que tamén se lle poderían aplicar a el como gaiteiro.  Empezou de cativo na banda do Grupo 19 dos Scouts, pola que tamén pasaron outros gaiteiros ferroláns de renome, como Fernando Dopico,  Jacinto Hernández, Xoán Rodríguez Silvar, Xabier Rodríguez Fariñas ou o seu propio irmán, o xornalista Pepe Varela.  Xente nova adestrada e influenciada por Constantino Bellón que, xunto ao labor do Toxos, marcaron o renacer da gaita e da música tradicional nos anos 70 e 80.

Antón tocaba sen demasiados acenos, só os xustos para ser partícipe da festa que se armaba sempre ao seu redor. Nin sequera era de adornar a dixitación máis do necesario. Pureza. Esa é, se cadra, a palabra que mellor define o seu xeito de tocar.  Unha pureza enérxica, potente e de enganosa sinxeleza tras da que se gorecía sen alardes nin fachendas un dominio absoluto do instrumento como canle dos sentimentos. Porque só a través do sentimento se pode concibir a maxia melódica das fantásticas composicións que tamén nos deixou, como a Polca para Erica -dedicada á súa única filla- ou a Jota das Fontes -dedicada á súa dona Raquel-, recollidas ambas na discografía dos Cempés, quizáis o grupo co que alcanzou maior fama, aínda que tamén pasou por formacións de renome como o cuarteto Follas Novas,  Raparigos -na que entrou en 1983- ou Berros do Castro, grupo nacido en Naraío co que compartiría máis recentemente actuacións de escenario e cuartetadas en romarías.

O seu labor como construtor e gaiteiro xuntábase co de mestre de ducias de alumnos e alumnas. Nos últimos tempos tiña grupos en Esmelle e en San Sadurniño, onde levaba uns oito anos como responsable das clases de gaita que se imparten en Naraío. Atendeu esta faceta formativa ata que a súa enfermidade lle impediu proseguir. Unha das súas últimas actuacións foi no pasado día de Nadal acompañando no Jofre a Carlos Núñez. Dous días despois aínda estaría en Naraío botando algunha peza no Nadal na Lareira que organizou a asociación veciñal. A partir de aí as súas aparicións, de par da saúde, foron indo a menos.

Hai xustamente un mes -o 25 de xuño- estivo en San Sadurniño para asistir ao remate do curso dos seus alumnos, dirixidos desde finais de 2016 por Marcos García, fillo do tamén grande gaiteiro Lolete, grande amigo e herdeiro do seu saber como luthier.

Foise Antón un 25 de xullo, día de Galicia, día no que a música da gaita se converte na banda sonora da cultura e da identidade dun país. Cousas do destino. Antes de marchar deixounos o seu último traballo, “Catálogo de sons”, que é iso mesmo: un catálogo das súas gaitas e dos sonidos que ninguén coma el lograba sacar delas, apoiados nesta ocasión polos acordes de Carlos Beceiro.

O seu perfil en Facebook, aínda activo, converteuse nas últimas horas nun mosaico de agradecementos, de lembranzas e de louvanzas cara a un home coñecido e respectado dentro e fóra de Galicia. Un home que se apagou pouco a pouco deixando tras de si un grande legado musical, pero tamén humano.

Desde o Concello de San Sadurniño queremos expresarlle á familia e ás amizades o noso pesar polo seu pasamento e deixar constancia do noso agradecemento pola súa contribución á difusión e preservación da nosa cultura musical, da que el forma parte xa para sempre.

 

Share.