Acude doar sangue este luns pola tarde

0

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue de Galicia (ADOS) trasladará a San Sadurniño unha das súas unidades móbiles o vindeiro luns, 27 de decembro. O bus permanecerá na praza do antigo Concello das 16 ás 21:00h. A sanidade galega segue precisando das doazóns sanguíneas para soster as transfusións que se fan a diario, tamén nestes tempos de pandemia. Por iso se volve apelar á solidariedade da veciñanza facendo un pequeno xesto rápido e indoloro que axuda a salvar moitas vidas. Nestes momentos as reservas de A+ e 0+ encóntranse en nivel baixo, polo que sería ben que acudisen doar persoas deses grupos… e tamén as dos outros.

As unidades móbiles son espazos seguros. Neles cúmprense todos os requisitos normativos de seguridade sanitaria, fáiselle unha revisión previa a todas as persoas doadoras, emprégase material esterilizado dun só uso e o persoal que atende as extraccións vai debidamente equipado para protexerse e protexer.

Ademais tamén se lle pide ás persoas que acudan doar que adopten todas as prevencións xerais: usar correctamente a mácara, gardar a distancia de seguridade mentres se agarda a vez para subir ao autobús, desinfectar as mans ao entrar e, moi importante, non acudir doar se se tivo algún síntoma -tose, febre, dificultade para respirar- ou se se é contacto estreito.

Poden doar sangue as persoas sás cun peso superior aos 50 quilos con idades comprendidas entre os 18 e 65 anos (a partir desa idade tamén, pero con permiso médico). Débese agardar alomenos 2 horas despois de xantar. Tamén hai que levar tarxeta de doazón -se se ten-, o DNI ou calquera documento acreditativo da identidade e informar ao persoal da unidade móbil sobre calquera medicamento que se estea tomando.

As mulleres poden doar 3 veces no ano e os homes 4, deixando pasar entre cada vez un mínimo de dous meses. Ademais hai que ter en conta outras cuestións. Non se pode doar ata dous anos despois de curar unha tuberculose, débense agardar polo menos 6 meses tralo parto (as lactantes tampouco poden doar), cómpre esperar tamén 6 meses se se tivo contacto con doentes ou portadores da hepatite ou VIH ou se se padeceu toxoplasmose, mononucleose ou se se está recibindo tratamento para curar unha anemia. Quen fixese unha tatuaxe ou un “piercing” e quen se operase e recibise sangue na intervención terá que agardar 4 meses antes de doar. O período de espera redúcese a 15 días se se tivo febre ou gripe, a 7 despois dunha cirurxía menor con anestesia local, a 3 días se se foi quitar un dente e a 24 horas tras unha limpeza dental.

Non poden doar en ningún caso persoas que padecesen ou padezan enfermidades transmisibles polo sangue, quen teña unha doenza crónica -diabete, problemas cardíacos, renais, etc.-, quen padeza cancro nin tampouco quen teña historial familiar da enfermidade de Creutzfeld-Jakob (coñecida comunmente coma o mal das vacas tolas). Tampouco poderán doar as persoas que recibisen un implante de córnea, esclerótica, duramáter humana ou bovina.

En calquera caso, quen teña dúbidas sobre a extracción pode informarse no propio autobús que estacionará na praza do antigo Concello durante toda a tarde e o serán do luns, ou ben contactar co 900 100 828. Tamén se pode obter máis información na web da ADOS.

Share.