Actividades de Entroido para a rapazada desde o sábado até o mércores

0

Este ano o Entroido volve subir no calendario ata o mes de marzo. O Martes de Entroido -festivo local- é o día 5 e durante esa semana temos liberdade para transformarnos en calquera outra cousa distinta da que somos a diario. De sempre o Entroido foi unha festa popular presidida polas bromas, pola troula e, máis recentemente, por eventos organizados polos concellos e polas entidades culturais e veciñais de cada territorio. En San Sadurniño o programa estará protagonizado pola festa infantil armada por Cultura para a tarde do sábado 2 e polos obradoiros que se desenvolverán en colaboración coa área de Igualdade na mañá do luns 4 e do mércores 6, aproveitando as vacacións da rapazada.

A tradicional festa infantil de disfraces está programada para a tarde do sábado a partir das 17.00h. Terá lugar no ximnasio do CPI de San Sadurniño con entrada libre e, aínda que non se poñen límites de idade, está pensada para rapazada entre 3 e 12 anos. Os nenos e nenas poderán participar nos obradoiros de maquillaxe, brincar nas camas elásticas e nos inchables e bailar ao ritmo do Cantabaila de Entroido de La GuaGua.

O luns 4 pola mañá a actividade trasládase á Casa da Cultura, onde a cativería terá dúas propostas. Entre as 10 e as 12.00h. hai un obradoiro de creación de sombreiros e complementos de carnaval que oferta 10 prazas. Das 12 ás 13.45h. celebrarase a segunda sesión, centrada na fabricación de máscaras con material reciclado. Neste caso ofértanse 15 prazas.

O mércores 6 a primeira parte da mañá, de 10 a 12.00h., resérvase para xogar na Aula CeMIT con aplicativos en rede de software libre. Hai 10 prazas dispoñibles. Despois, de 12 a 13.45h., ofértaselles aos nenos e nenas un obradoiro de elaboración de freixós que poderán decorar antes de comelos. Para este hai 15 prazas.

Estes catro obradoiros, que son gratuítos, teñen tamén unha finalidade de conciliación familiar e laboral. Van dirixidos a nenos e nenas de 3 a 12 anos e fai falla inscrición previa na oficina da Casa da Cultura ou no correo agustin.perez@sansadurnino.gal. O prazo para apuntarse nas actividades finaliza o venres.

Share.