Acordádevos: estamos na “nova normalidade”, pero a COVID-19 segue aí

0

Tras semanas en confinamento, despois de semanas ganando a cada pouco maior liberdade de movemento, despois de ir volvendo aos poucos a unha vida case normal… pode parecernos que a crise sanitaria é algo xa lonxano. Pero non, o coronavirus segue sendo un problema de primeira orde e así nolo recordan as noticias que están saíndo nos últimos días sobre rebrotes aquí e acolá. Ninguén está libre de contaxios. E quen o pense engánase de cabo a rabo. Por iso debemos seguir extremando as precaucións que tantas veces se levan repetido -máscara (que será obrigatoria en todo momento), hixiene, distanciamento…- e non tomar a cousa á lixeira porque, insistimos, a COVID-19 é un problema moi serio e en calquera momento podemos volver á casiña de saída.

As noticias sobre a COVID-19 trasladada polos medios de comunicación nas últimas semanas estivo moi centrada en informar dos novos abrochos da enfermidade dentro e fóra de Galicia, sobre como se están xestionando en cada zona e, por que non dicilo, tamén foi un tema recorrente durante a campaña electoral.

Se lembrades, non hai moito tempo os temas de conversación eran, entre outros, os protocolos para distintas actividades, se vai haber festas ou non, canta xente se pode xuntar tomar “un algo” nas terrazas, se hai que levar máscara pola rúa ou se só é obrigatoria en espazos pechados.  Un sinfín de cuestións arredor da pandemia, que son fundamentais para saber ata que punto podemos facer vida normal, pero sobre todo para recordar que debemos ser moi, pero que moi responsables.

Imos volver repasar o máis importante para telo presente en todo momento:

  • A primeira medida que debemos adoptar é a de manter os 1,5 metros de distancia mínima de separación con respecto a outras persoas.
  • A Xunta de Galicia anunciou hoxe a esixencia do uso de mascarilla cirúrxica ou hixiénica  (a partir dos 6 anos de idade), tanto en espazos abertos como pechados, independentemente de que se poida gardar a distancia de seguridade. Polo tanto deberemos levar máscara sempre, a menos que esteamos con persoas coas que convivamos. Na praia e na piscina poderemos prescindir dela no baño ou tomando o sol, pero non cando nos movamos. Lembrade que non se deben usar máscaras con válvula exhalatoria, salvo por razóns laborais, xa que só nos protexen ao inhalar, pero non evitan que as partículas do virus fuxan ao botar o aire fóra dos pulmóns ou ao tusir/esbirrar.
  • Con levar máscara non abonda, ademais ten que ir colocada correctamente, cubrindo nariz e boca e ben axustada á cara. Hai que tocala o menos posible e sempre coas mans desinfectadas antes e despois.
  • Esa é outra, as mans. Hai que lavalas con auga e xabón frecuentemente -refregando firme e incidindo no medio dos dedos- e, se non os temos ao noso alcance, usar o xel hidroalcólico que hai en practicamente todos os lados. O xel tamén hai que botalo con xeito: non chega con estendelo na palma, ten que chegar a todos os recunchos da man. É importante non tocar o nariz, os ollos ou a boca se non están perfectamente limpas.
  • Temos que seguir mantendo unha estrita etiqueta respiratoria. Isto é,  tusir ou esbirrar en panos desbotables ou contra a parte interior do brazo. E se levamos máscara, non sacala para evitar manchala.
  • Débense atender tamén de maneira rigorosa as recomendacións e protocolos que haxa en espazos establecementos públicos ou abertos ao público, como son bares e restaurantes, supermercados, cines, espectáculos, etc. Moita xente pensa de forma errónea que nos bares e outros locais abertos ao público -tamén culturais- non é obrigado levar máscara. Pois si que o é: cando entremos no bar ou restaurante, sempre máscara. Mentres esteamos consumindo non teremos por que poñela. Pero para calquera outro movemento: entrar ou saír do establecemento, agardar a que nos senten, ir ao aseo, pagar -mellor que nos traian a conta e, preferentemente usar móbil ou tarxeta- tamén teremos que poñer a máscara. Lembrade, ademais, que nas praias e parques infantís debemos respectar aproximadamente 3m²/persoa, como medida aproximada de aforo deses lugares.
  • Se tes síntomas, queda na casa e avisa. A nova normalidade apela á responsabilidade persoal en todos os aspectos preventivos: no distanciamento, na hixiene frecuente de mans, na etiqueta respiratoria, etc. Pero tamén insiste no noso deber de autoconfinarnos e informar ás autoridades sanitarias –900 400 116 ou 061 en casos graves– se notamos algún síntoma coincidente coa COVID-19: febre, calafríos, tose, sensación de falta de aire, diminución do olfacto e do gusto, dor de gorxa, dores musculares, dor de cabeza, debilidade xeral, diarrea ou vómitos. Por precaución deberase evitar o contacto coas persoas convivintes e non está de máis que elas tamén reduzan ao mínimo a súa actividade social.
  • En relación co anterior, se somos caso sospeitoso ou se confirma que demos positivo, teremos prohibido saír da casa, salvo autorización expresa do servizo sanitario que estea seguindo a nosa situación despois de avisarmos.
  • Por último -seguro que quedan moitas cousas por recordar- debedes ter en conta que as xestións no Concello deben facerse sempre con cita previa, chamando para que nola dean ao 981 490 027 ou mandando un correo a correo@sansadurnino.gal. As solicitudes xenéricas poden presentarse a través da Sede Electrónica municipal e para avisos relacionados con servizos municipais -lixo, iluminación pública, conservación de espazos- tamén se pode utilizar a APP Liña Verde, dispoñible para Android e iOS.
Share.